Monday 25 de November de 2024

O Museo do Humor Xaquín Marín e Demo Editorial darán a coñecer o vindeiro 18 de maio os debuxos gañadores do concurso Demo Pequeno


Os debuxantes Santy Gutiérrez e Luís Sendón completan o xurado formado pola responsable do museo fenés e o da editorial coruñesa

A responsable do Museo do Humor Xaquín Marín, Almudena Marcos, o editor de Demo Editorial, Manel Cráneo, e os debuxantes Santy Gutiérrez e Luís Sendón forman o xurado do I Concurso de BD de humor “Demo pequeno” que convocan o Concello de Fene, a través da Concellería de Cultura, e a editorial coruñesa. O xurado reuniuse este martes nas instalacións do Museo do Humor para avaliar os debuxos presentados ao certame que, na súa primeira edición, ascenderon a unha trintena. Tal e como se establece nas bases, o fallo darase a coñecer o vindeiro 18 de maio, coincidindo coa conmemoración do Día dos Museos, a través da páxina web e redes sociais do Museo do Humor Xaquín Marín, Demo Editorial e medios de comunicación. o concurso quere reforzar con esta acción unha aposta en firme polas novas xeracións.

O premio Demo Pequeno convócase co obxectivo de “achegar aos escolares galegos ao mundo da banda deseñada, fomentando a súa creatividade dende unha perspectiva humorística”. Trátase, polo tanto, “dunha aposta en firme polas novas xeracións e polos futuros creadores/as”. O certame vai dirixido a mozos/as de 8 a 16 anos que poden participar a título individual ou por equipos de dúas persoas (guionista+debuxante). Nesta primeira edición contémplanse tres premios:
 1º Premio, dotado con 200 euros e diploma
 2º Premio, dotado cun lote de libros de banda deseñada de Demo Editorial e diploma
 3º Premio, dotado cun lote de material artístico e diploma

Trala xuntanza do xurado deste martes -na que tamén participou o ilustrador do logo do concurso, Roque Show, de 10 anos- a entrega de premios terá lugar na primeira quincena de xuño, nas instalacións do museo fenés. Os traballos gañadores e finalistas (no caso de habelos) figurarán na exposición que organizará o Museo do Humor Xaquín Marín ao redor da exposición dos XXVII Premios Curuxa do Humor, en novembro de 2023.