Friday 22 de November de 2024

A Pobra recupera o seu Gran Premio Tríatlon no 14 de maio


O Gran Premio Tríatlon regresa á Pobra do Caramiñal coa súa cuarta edición despois da paréntese ocasionada polo coronavirus. Será no 14 de maio, coa saída programada para as 10.30 horas, e faino como unha das citas clasificatorias para o campionato galego. Aproximadamente 260 triatletas deberán completa-la distancia sprint: 750 metros de natación, 21 quilómetros de ciclismo e 5 quilómetros de carreira a pé.

Na presentación participaron o alcalde, Xosé Lois Piñeiro; a concelleira dos Deportes, Genoveva Hermo; o presidente do club Artrogal Tri 498, José Riveiro; un dos deportistas desta entidade deportiva, Tomás Dieste; o delegado de Fegatri na área de Santiago, Juan Carlos Ageitos; e o campión do mundo de áquatlon, Cristian Fernández.

Esta intensa xornada deportiva iniciarase coa proba de natación na praia dos Areos, cunha volta ao circuíto. No que respecta ao ciclismo, faranse tres voltas a un percorrido de 6’9 quilómetros, para así completa-la totalidade do itinerario. Transcorrerá pola DP-6703 (travesía dos Areos), realizará a subida a Cabío pola Canteira do Cura, a baixada ata a praia da Lombiña, o regreso á vía provincial pola Carballeira da Silva, a estrada do Castro, pola aldea da Ponte, pola rúa Venecia, a rúa Gasset, a rúa da Paz e logo o retorno ao paseo dos Areos. E, en canto á carreira a pé, faranse dúas voltas a unha ruta de 2’5 quilómetros polo paseo dos Areos e o porto.

Unha vez finalizada a proba, preto das 13.00 horas, efectuarase a entrega das distincións, que consistirán en premios en metálico (un total de 2400 euros), medallas e trofeos entre os tres primeiros postos na categoría individual absoluta e os tres primeiros clubs.

Para garanti-lo correcto funcionamento deste evento, despregarase un amplo dispositivo no cal se inclúe máis dun cento de persoas voluntarias.