A concelleira de Turismo, Natalia Hermida, remitiu un escrito á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia denunciando a parálise nunha actuación impulsada pola administración autonómica no citado tramo, ao seu paso pola cidade. A edil naronesa enviou á entidade un informe realizado dende o departamento municipal de Disciplina Urbanística e acompañado dunha reportaxe fotográfica na que se informa da situación. “Hai un mes que enviamos o informe e aínda non recibimos resposta algunha da Xunta de Galicia”, lamentou Hermida.
A concelleira de Turismo denunciou “o abandono da Xunta de Galicia con esta intervención nun espazo de peregrinación moi concurrido e que forma parte do noso patrimonio”. A edil naronesa explicou que tamén se puxo en coñecemento desta situación á Asociación de Concellos do Camiño Inglés, por se houbese máis concellos afectados por esta situación.
“Diversas entidades e particulares trasladáronnos tamén a súa preocupación polo estado de abandono desas obras de empedrado localizadas nun tramo de Longras cara ao Couto e da existencia de depósitos de material á beira dun camiño dende hai máis de dous meses e á altura do Camiño da Fonte do Vilar que impide neste último caso o acceso a unha finca particular”, asegurou Hermida.
Dende o Concello requeriuse que se proceda á maior brevidade ao remate das obras e, de non ser posible, á retirada inmediata ou á recolocación do depósito do material indebidamente depositado a día de hoxe na zona indicada.