A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a licitación das obras correspondentes á primeira fase de reforma no local que acollerá o centro de baixa esixencia da Institución Benéfico Social Padre Rubinos
A Xunta de Goberno Local do Concello da Coruña aprobou este mércores a concesión da licenza para o proxecto de legalización do edificio situado no nº 13 da avenida de San Roque de Fóra. Sobre este edificio pende unha orde para a súa demolición total que vén a raíz dunha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
A alcaldesa, Inés Rey, explicou hoxe que a comunidade de propietarios presentou un proxecto arquitectónico que formula modificacións no edificio, co obxectivo de evitar o seu derrubamento. Este proxecto propón diversas intervencións como o apoio da estrutura para realizar as derrubas necesarias para cumprir a normativa vixente, a reconstrución da fachada principal segundo á aliñación e as determinacións do Plan vixente e o derrubamento dos voos desde a planta 1ª á 7ª, por cuestións legais.
Con estas modificacións, e tras avaliarse o proxecto, o edificio adaptaríase á normativa vixente, coa redución de 61 metros cadrados da superficie total construída inicialmente.
Desta forma, e ao concederse licenza para legalizar o edificio, abriríase un prazo de seis meses para iniciar as obras que contempla o proxecto. Desde a súa posta en marcha, a propiedade disporía de 36 meses para rematalas. En todo caso, serán os xulgados os que decidan se a posibilidade de legalización é viable.
Urbanización do polígono de Náutica
Tamén hoxe, a Xunta de Goberno concedeu a licenza para a construción dun edificio de 88 vivendas, garaxe, rochos e un local, que estará situado na última parcela libre do polígono de Náutica, localizada entre as rúas Marcela e Elisa, Marqués de Cavalcanti e a avenida de San Roque de Fóra.
O orzamento previsto para a execución e material das obras, promovidas pola promotora de desenvolvementos inmobiliarios Kontiki, é de case 9,5 millóns de euros. Terán un prazo de seis meses para iniciar os traballos de construción, a partir da posta en marcha dos mesmos, 36 meses para rematalos.
O proxecto aprobado hoxe permitirá completar o polígono de Náutica.
Centro de baixa esixencia no barrio de Labañou
Ademais, hoxe aprobouse a licitación das obras correspondentes á primeira fase de reforma no local que acollerá o centro de baixa esixencia da Institución Benéfico Social Padre Rubinos.
Foi a comezos de febreiro, e tamén en Xunta de Goberno, cando se aprobou o proxecto dereforma da planta baixa e o semisoto no antigo albergue do Instituto Benéfico Social Padre Rubinos, situado na avenida de Labañou. Este proxecto ten a súa orixe no convenio subscrito en abril do ano 2021 entre o Concello e a Instituto Benéfico Social Padre Rubinos, acordo segundo o cal a Administración local asumiu, en forma de cesión, as instalacións do albergue —unha superficie de case 2.000 metros cadrados—, baixo o compromiso de construír unhas instalacións que cumpran os requisitos fixados para establecer un Centro de Atención Continuada, co obxectivo de dar servizo a persoas en risco de exclusión social.
Coa licitación das obras correspondentes á primeira fase, que abrangue unha intervención total do semisoto e en parte do andar baixo do inmoble, dáse un paso adiante para a construción dunha instalación coa que se conseguirá capacidade para 29 persoas usuarias.
Os traballos, unha vez que se adxudiquen e se poñan en marcha, contarán cun orzamento de 752.000 euros, e será cofinanciada nun 80 % con fondos europeos FEDER. Xa posteriormente, coas obras correspondentes á segunda fase, acadarase espazo para 16 persoas máis, ata chegar ás 45 previstas.
Cesións de solo en Bens e Monte das Moas
Dando continuidade aos asuntos relativos á área de Urbanismo, hoxe notificáronse en Xunta de Goberno diversos convenios de cesión gratuíta de solo con propietarios de terreos nos núcleos de Bens e tamén na rúa Monte das Moas.
Inés Rey explicou que, a efectos prácticos, “estes convenios habilitarán o Concello a dar continuidade a traballos de mellora en espazos públicos da cidade. Por exemplo, para ampliar os percorridos peonís”.
É o caso do núcleo de Bens, onde se está levando a cabo o acondicionamento de terreos de labradío e áreas rochosas para ampliar os camiños e zonas de paso da veciñanza, de acordo coas respectivas propiedades.
Luz verde ao IV Plan de Igualdade do Concello
Noutra orde de asuntos, este mércores aprobouse o texto correspondente ao IV Plan de Igualdade do Concello da Coruña, que, tras recibir hoxe a aprobación da Xunta de Goberno Local, terá vixencia ata o 2027.
As principais liñas estratéxicas deste cuarto plan abranguen, entre outras, a formación do persoal municipal en materia de Igualdade, a prevención do acoso e actuación fronte á violencia de xénero, e a sensibilización para coa perspectiva de xénero. Tamén o fomento da igualdade no acceso ao emprego público e na promoción interna.
Novo convenio coa Federación de ANPA
No relativo á área de Educación, hoxe aprobouse o novo convenio coa Federación Provincial de ANPA da Coruña, que permitirá financiar a realización de programas educativos, deportivos, culturais e, en xeral, para a mocidade, ao longo deste ano 2023.
No pleno ordinario de abril, deuse a aprobación inicial ao expediente de subvencións nominativas para este ano, que inclúe unha partida específica de 404.000 euros para a subscrición deste convenio coa Federación de ANPA.
A convocatoria, aprobada polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, ten como principal obxectivo dar resposta ás necesidades de financiación de proxectos para manter e rehabilitar o patrimonio histórico con uso turístico. O Concello presenta á convocatoria dous proxectos, para a posta en valor dos BIC da Cidade Velle e tamén o BIC do Castro de Elviña. Neste sentido, o importe estimado para o global das actuacións é de case tres millóns de euros.
No Castro de Elviña o Concello propón construír un valado perimetral, levar a cabo melloras de accesibilidade ao castro e tamén dar forma a un centro de apoio ás actividades arqueolóxicas e didácticas.
Por outra banda, na Cidade Vella os principais obxectivos formulados pasan por mellorar a sinalización dixital dos BIC da contorna e executar, en paralelo, a restauración da praza de Santa Bárbara, a da praza de Azcárraga e máis melloras no mobiliario do xardín de San Carlos. Ademais, o Concello presentou á convocatoria unha solicitude de fondos para a posta en valor e musealización das ruínas da igrexa de San Francisco e os achados arqueolóxicos do inmoble da rúa Sinagoga 4. Tamén está previsto executar obras de rehabilitación e mellora da accesibilidade ao castelo de San Antón.
Novo vehículo de Bombeiros
Por último, e a través da área de Seguridade Cidadá, hoxe autorizouse un investimento de 450.000 euros para a contratación dun vehículo de autobomba urbana, que irá destinado ao corpo de profesionais dos Bombeiros da Coruña.
A autobomba reforzará a frota de vehículos destinada á extinción de incendios, e está especialmente deseñada para o seu acceso a zonas e rúas estreitas na contorna urbana.