Friday 22 de November de 2024

A Xunta e o sector inmobiliario analizan a nova lei estatal polo dereito á vivenda


Ángeles Vázquez insiste en pedir ao Goberno central a convocatoria urxente da Conferencia Sectorial de Vivenda e Solo

A Xunta e o sector inmobiliario analizaron hoxe a nova lei estatal de acceso á vivenda nunha xornada organizada pola Asociación de Promotores Inmobiliarios da Coruña (Aproinco), que foi clausurada pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez.

 

Durante a súa intervención, a conselleira insistiu na petición ao Goberno central dunha convocatoria urxente da Conferencia Sectorial de Vivenda e Solo, tal e como lle reiterou nunha carta remitida o pasado venres á ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez. Ángeles Vázquez subliñou a importancia de celebrar esa reunión dado que o texto aprobado polo Congreso dos Deputados non foi debatido coas Comunidades Autónomas a pesar de que teñen competencias na materia.

 

Así, logo de lembrar que a Xunta xa convocou o Observatorio Galego da Vivenda para recoller as súas achegas ante esta nova normativa, a conselleira explicou que Galicia non comparte o modelo polo que aposta a lei estatal xa que a nosa Comunidade avoga por medidas incentivadoras e non por iniciativas restritivas ou sancionadoras.

 

Nesa liña, a responsable autonómica avaliou co sector inmobiliario as posibles consecuencias que a nova regulamentación poida ter no eido do alugueiro como a probabilidade de que se desincentive a posta no mercado de vivenda pola delimitación de zonas tensionadas -nas que se considera gran tenedor a aquel propietario que teña máis de cinco inmobles- ou a maior protección que se lles outorga aos ocupantes de vivenda cando se atopen en situación de vulnerabilidade.