Saturday 16 de November de 2024

A Axencia Galega de Emerxencias da Xunta recibe o premio ‘Líder en calidade’ polo modelo de xestión do 112 Galicia


Con este premio, Expourense pretende recoñecer ás empresas e entidades lideres en diferentes sectores como a alimentación, sanidade, educación e medioambiente

A Axencia Galega de Emerxencias (Axega) recibiu hoxe, en Ourense, un premio polo modelo de xestión do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia. O encargado de recoller este recoñecemento foi o director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor.

A AXEGA foi elixida como ‘Líder en Calidade’, un premio co que a Fundación de Feiras e Exposicións de Ourense Expourense pretende recoñecer ás empresas e entidades galegas lideres en diferentes sectores como a alimentación, sanidade, educación e medioambiente.

A entrega do recoñecemento coincide cunha xornada que organiza Expourense co gallo do Día Mundial da Calidade, hoxe,12 de novembro. Ademais da Axega, tamén se premiou a Artesanos Gallegos de la Carne, Ataudés gallegos ou o Grupo Iceacsa, entre outros.

Control da calidade do servizo
O CAE 112 Galicia conta cun sistema de control e xestión da calidade do servizo. Ademais de estar certificado pola Norma ISO 9001:2008, a Axega segue a traballar para acadar un sistema cada vez máis complexo que garante a correcta prestación do servizo e colme as expectativas dos usuarios. Así, o pasado mes de abril foi outorgada ao 112 galego unha nova certificación de calidade promovida pola Asociación Europea de Números de Emerxencia (EENA), converténdose así no segundo centro europeo de emerxencias que recibe esta certificación de calidade.

Así mesmo, o CAE112 Galicia conta dende o ano 2014 cunha Carta de Servizos Auditada con 35 indicadores de calidade, cuxo obxectivo é o de consolidar o seu achegamento á cidadanía, impulsando o proceso de retroalimentación e mellorando o traballo interno na prestación do servizo, proporcionando unha atención responsable propia dunha Administración moderna, avanzada e acorde ás novas tecnoloxías.

As Cartas de Servizos son un elemento a través dos cales os órganos da Administración informan aos usuarios sobre os seus dereitos nas súas relación coas respectivas entidades, así como das obrigas e responsabilidades que asume a Administración para garantir aqueles dereitos e os niveis de calidade na prestación dos servizos públicos que teñen encomendados.

Cómpre lembrar que as chamadas ao 112 Galicia se contestan en apenas tres segundos e as emerxencias se xestionan en 24.