Tres nenos ou nenas de Neda poderán participar este verán nos Campamentos deportivos da Deputación da Coruña, gozando dunha chea de actividades, xunto a menores doutras localidades de Ferrolterra, Eume e Ortegal e da comarca de Betanzos. A iniciativa vai dirixida a veciños e veciñas de entre 9 e 14 anos. O prazo de inscrición ábrese hoxe.
O campamento desenvolverase entre o 2 e o 7 de xullo na residencia que a entidade local ten no coruñés IES Rosalía Mera, onde poderán desfrutar dunha ampla variedade de propostas: deportes náuticos, actividades ao aire libre, xornadas de praia, visitas a centros culturais da cidade.
Serán un total de cinco días (dende o domingo ata o venres seguinte) con aloxamento, manutención, transporte interno e gasto das actividades incluídos no importe de 85 euros da cota de inscrición.
As familias nedenses que queiran anotar a algún dos seus fillos/as, nacidas entre o1 de xaneiro do 2009 e o 31 de decembro e o 31 de decembro de 2014, terán que presentar a folla de inscrición, que pode descargarse na web do Concello, debidamente cuberta no rexistro municipal, unha fotocopia do carné de identidade ou libro de familia e, unha vez asignada a praza, xustificante de ter aboado a cota.
O prazo para inscribirse remata o 7 de xuño, e terán preferencia os menores que non asistiran con anterioridade a estes campamentos. No caso de que o número de solicitudes de participación supere o de prazas concedidas ao Concello, adxudicaranse nun sorteo público.