Saturday 16 de November de 2024

As Somozas activa un servizo gratuíto de transporte adaptado para que a veciñanza poida acceder a todos os servizos da vila


• O novo vehículo adquirido ten unha capacidade máxima de nove ocupantes e facilitará que a veciñanza, sobre todo persoas maiores e/ou con discapacidades ou dependentes, poidan acceder de xeito doado aos servizos sanitarios, administrativos, sociais, entre outros.

• Con esta iniciativa téntase tamén evitar a exclusión daquelas persoas que permanecen en soidade moito tempo e fomentar que toda a veciñanza participe de actos culturais, de entretemento que na actualidade se ofertan a diario dende o Concello no Centro Cívico

O Concello das Somozas xa ten en funcionamento un servizo gratuíto de transporte adaptado para que as persoas maiores e/ou con discapacidades ou dependentes do municipio poidan acceder de xeito doado aos servizos sanitarios, administrativos e sociais da vila.

Con esta iniciativa téntase tamén evitar a exclusión daquelas persoas que permanecen en soidade moito tempo e fomentar que toda a veciñanza participe de actos culturais e de entretemento que na actualidade se ofertan a diario polo Concello no Centro Cívico.

O servizo de transporte ten unha capacidade máxima de nove ocupantes e poden solicitalo as persoas empadroadas e con residencia efectiva nas Somozas. Así, as persoas interesadas en utilizar este transporte deberán chamar con 48 horas de antelación ao teléfono 881 042 066. Deberán facilitar nome e apelidos, teléfono de contacto, lugar de recollida e destino, e hora aproximada.

Persoas destinatarias
Considéranse colectivos prioritarios para o uso deste servizo as persoas maiores que non dispoñan de vehículo propio ou teñan dificultades para usalo. As persoas con dificultade de mobilidade, teñan ou non recoñecido grao de discapacidade ou dependencia. As persoas que vivan en zonas illadas, que vivan soas ou con outras persoas que teñan dificultades de mobilidade, e non teñan rede de apoio para levar a cabo os desprazamentos e as persoas usuarias da Casa do Maior.

Horarios provisionais
Os martes e xoves facilitarase o transporte de 8:00 a 9:00 h da mañá para as persoas que acudan ao Centro Médico a facer analíticas.

O resto de días poderán solicitar o transporte as persoas que acudan a citas médicas, con enfermería, ou para facer xestións administrativas. Tamén para acudir a obradoiros ou outro tipo de actividades no Centro Cívico.

En función da demanda recibida tamén valorarase establecer liñas regulares por lugares ou parroquias.

Tras a posta en marcha do novo servizo o alcalde, Juan Alonso Tembrás, quixo “agradecer a disposición do persoal do centro de saúde para levar a cabo a colaboración sociosanitaria desta prestación e confiamos en que este novo transporte permita mellorar a accesibilidade aos servizos da nosa vila e sexa de gran axuda para todos os nosos veciños e veciñas con mobilidade reducida ou persoas maiores que precisen desta asistencia”.