A Concellaría dos Deportes da Pobra do Caramiñal participa no programa dos Campamentos Deportivos para o verán deste 2023 impulsados pola Deputación da Coruña. Desenvolverase no IES Rosalía Mera, na cidade herculina, e está dirixido á rapazada de toda a provincia entre os 9 e os 14 anos xa feitos.
Á Pobra concedéronlle tres prazas correspondentes coa terceira quenda, que transcorrerá do día 16 ao 21 de xullo para rapaces e rapazas empadroados/as no concello.
O documento de inscrición xa está ao dispor en www.apobra.gal. Deberase entregar debidamente cuberto no rexistro do Concello. O prazo de presentación estenderase do día 10 de maio ao 7 de xuño.
Terá preferencia quen non tomase parte en ningunha campaña de verán previa da institución provincial. No caso de recibir máis solicitudes ca prazas concedidas, farase un sorteo público no salón de plenos do Concello e as persoas admitidas serán avisadas por teléfono para, ademais, indicárlle-la documentación que cómpre presentar para confirma-la praza. A cota de participación estipúlase nos 85 euros, contía que non se debe aboar ata que a Administración local confirme a praza.