Sunday 24 de November de 2024

O Concello de Santiago lanza unha campaña de prevención do maltrato e o abandono animal


Baixo o lema “Para sempre. Son a túa familia, non me abandones”, esta nova campaña impulsada pola Concellaría de Deportes e Benestar Animal e protagonizada por catro mascotas pretende apelar á sensibilidade dos presentes e futuros propietarios de animais domésticos co fin de previr o maltrato e o abandono animal.

Desde principios deste mes, a Concellaría de Deportes e Benestar Animal puxo en marcha esta campaña que combina a mensaxe “Para sempre. Son a túa familia, non me abandones” en distintos formatos a pé de rúa. Dentro desta iniciativa, repartiranse carteis en distintos puntos da cidade de Santiago como centros, locais sociais, bibliotecas… e tamén será visible en dous autobuses urbanos das liñas 5 e 6, e en marquesiñas por toda a cidade.

Por outra banda, elaboraranse novas sinaléticas dentro do programa “Compostela felina. Plan de control de colonias felinas” para indicar puntos de colonias esterilizadas e alimentadas por voluntariado co obxectivo de non abandonar, molestar ou alimentar aos gatos que alí se atopan.

Esta segunda campaña promovida polo Concello de Santiago volve centrarse na importancia do coidado e non abandono dos nosos animais domésticos. Os protagonistas da campaña (dous cans e dous gatos), parecen indistintamente nos diferentes materiais da campaña), acompañados na composición pola frase principal “Para sempre”, moi clara e directa, e idea principal da campaña. Ademais pecha co slogan “Son a túa familia, non me abandones”, apelando ao sentimento dos presentes e futuros propietarios de animais domésticos.