As novas edificacións estarán na Maestranza e Adelaida Muro, en terreos de Defensa que se cederán ao Mitma
O Goberno central notificou recentemente ao Concello da Coruña que o Estado edificará un total de 88 vivendas sociais en dúas parcelas da súa titularidade localizadas no termo municipal da Coruña. O Ministerio de Defensa cederá estes terreos ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, que será o responsable de acometer os traballos a través de Sepes (Entidade Estatal do Solo). O Concello solicitoulle ao Estado a construción de vivendas nestas parcelas ao ser as únicas da súa titularidade na cidade que reúnen as condicións para uso residencial.
No caso de Maestranza os informes técnicos indican que a edificación no soar situado no número tres da rúa que cederá Defensa ao Mitma non afectaría aos restos arqueolóxicos da antiga muralla da Coruña atopados no terreo. O único condicionante sería a creación de sotos, que quedaría limitada para protexer os restos localizados. O Concello garantirá a conservación deste ben, do mesmo xeito que se fixo noutros puntos da cidade. No caso do soar sito no número 24 de Adelaida Muro, este conta con 374 metros cadrados para edificar.
Por outra banda, o Concello ten solicitada información á Sareb sobre o seu parque de vivendas no termo municipal coruñés. O obxectivo é poder ter coñecemento do número de edificios e vivendas dispoñible e valorar a súa incorporación ao parque inmobiliario municipal para poñelas á disposición da cidadanía.