Cultura busca persoas maiores para falar coa rapazada dos tempos de antes… e de agora
Celebrar as Letras Galegas un día, unha semana ou durante todo un mes, contribúe á difusión da nosa lingua e da nosa cultura. Pero non tanto como sería necesario para reverter a realidade de que o galego perde falantes. Diversos estudos estatísticos indican que a mocidade adolescente cada vez o usa menos e que moita rapazada incluso non sabe falalo por non escoitalo nin na súa contorna familiar nin na escola -fóra das materias que se imparten en galego-, e moito menos na internet, nas plataformas de streaming e noutros medios audiovisuais de consumo masivo por parte das novas xeracións, onde o galego segue sendo pouco menos que marxinal a pesar das iniciativas para darlle unha presenza que garanta o seu futuro. Así as cousas, a Concellaría de Cultura, dentro da programación das Letras Galegas, volve poñer o foco sobre esta realidade e, co obxectivo de contribuír no posible ao cambio de tendencia, programou para este venres os “Faladoiros de onte e antonte”. Trátase dun encontro interxeracional co alumnado de 6º de Educación Primaria e ESO do CPI no que participarán veciñas e veciños do concello contándolles unha chea de cousas -lendas, tradicións, usos pasados, etc.-, aínda que a principal finalidade da mañá será mostrar a riqueza do galego, dignificalo e apostar pola súa normalización entre as cativas e cativos.
Tal e como comenta a concelleira de Cultura, Amparo Calvo, os faladoiros están deseñados co mesmo formato que os almorzos de traballo que tanto se utilizan nas organizacións empresariais para fomentar o coñecemento entre participantes, a creación de redes de colaboración e o intercambio de coñecemento. Iso que se coñece comunmente co anglicismo networking, que neste caso se pon ao servizo da lingua e da transmisión de saberes.
“Entre as 10 e as 12:00h imos facer grupos dunhas catro ou cinco alumnas e alumnos por curso, que sentarán arredor da mesa con dúas persoas maiores de San Sadurniño e tamén profesorado do centro. Cada grupo armará un faladoiro arredor dun tema distinto, como por exemplo lembranzas da infancia, ditos populares, lendas, contos e tradicións, xogos, alimentación, festas de antano, etc. A cativería escoitará e tamén poderá preguntar o que queira, e incluso propor temas novos que sexan do seu interese. Do que se trata é de que parolen, que o fagan en galego e que garden toda esa sabedoría e os valores da nosa cultura inmaterial que só as persoas de máis idade saben transmitir”, explica a titular de Cultura.
No encontro van participar alumnas e alumnos de ESO e de 6º de Educación Primaria do CPI de San Sadurniño, co aliciente de que tamén se servirá un chocolate con bola porque, segundo comenta Calvo, “tamén queremos reproducir en certo modo esas charlas de merenda coas nosas avoas e avós que todas e todos gardamos na memoria, ás que tanto lles debe o que somos hoxe, tamén en canto á oralidade e o uso normal da lingua que herdamos desa xeración”.
Malia que a iniciativa está xa posta a andar, desde Cultura apúntase que “aínda hai oco” para que se sumen a ela máis persoas maiores do municipio. Por iso, quen queira participar nos “Faladoiros de onte e antonte” para “contarlle cousas á rapazada e escoitar tamén o que ela nos queira contar”, pode contactar co 619 332 919 para integrarse en calquera dos grupos que van pasar polo centro cultural ao longo da mañá.
Ademais, o centro de ensino tamén convidou ao cantautor de Ortigueira Diego de Braelle e ao grupo de música tradicional “Ferreñas Club”, formado por alumnado do CPI.
A proposta está organizada pola concellaría en colaboración co colexio público. Encádrase nas actividades das Letras Galegas -dedicadas este ano ao investigador Francisco Fernández del Riego-, que se completan coa exposición “Ilustres das Letras” na Casa do Concello e cos espectáculos infantís “Brincadeiras da lingua” e “Fazulas e o ladrón de paraugas” que se representarán na Casa da Cultura os días 18 e 19 de maio, respectivamente.