Thursday 21 de November de 2024

O BNG levará a pleno a iniciativa para que o campo de fútbol Ponte do Brozos reciba o nome de Arsenio Iglesias


A iniciativa promovida a través da plataforma Change.org está a recoller firmas para que a instalación deportiva pase a chamarse Campo de Fútbol Municipal Arsenio Iglesias

Xurxo Couto, candidato do BNG de Arteixo, considera que “é unha maneira de honrar a memoria deste ilustre arteixán, querido e respectado por toda a veciñanza”

O BNG de Arteixo apoia a iniciativa popular para que o campo de fútbol Ponte dos Brozos pase a chamarse Campo de Fútbol Municipal Arsenio Iglesias. Por elo, e para que a proposta poida transformarse nunha realidade, os nacionalistas teñen a intención de presentar a mesma no próximo pleno da corporación.

A través da plataforma Change.org recóllense firmas para que a citada instalación deportiva reciba o nome do que fora adestrador do depor. Unha figura carismática como poucas e un “referente a nivel nacional”, como recordan na propia web.

Para o candidato do BNG de Arteixo, Xurxo Couto, trátase dunha maneira de “honrar a memoria deste ilustre arteixán, querido e respectado por toda a veciñanza”. “Consideramos que presentar unha moción para que o campo de fútbol se chame ‘Arsenio Iglesias’ é a forma de acadar o compromiso da Corporación para que se faga realidade a proposta popular”.