O Concello conta cunha axuda da administración autonómica no marco deste programa de fomento de emprego
O Concello de Neda está inmerso no proceso de selección do persoal que contratará no marco do programa de emprego no medio rural Aprol Rural 2023. Coa axuda autonómica concedida, a administración local incorporará a dous peóns/peoas para a realización de traballos centrados fundamentalmente na prevención de incendios.
As persoas, que finalmente resulten elixidas, ocuparanse de levar a cabo, segundo consta no proxecto municipal, labores de prevención de incendios nas faixas secundarias, tarefas de valorización forestal ou limpeza de montes- Ademais estáprevisto que realicen accións para favorecer a recuperación de itinerarios naturais.
A subvención de 27.940 euros, outorgada pola Consellería de Emprego e Igualdade a finais de abril, permitirá contratar a tempo completo durante un período de nove meses a dúas persoas que, na actualidade, se atopan en situación de desemprego.
Mulleres, menores de 30 anos con baixa cualificación ou demandantes do primeiro emprego, persoas paradas de longa duración, maiores de 45 anos son, entre outros, potenciais beneficiarios do Aprol Rural 2023. O programa aspira a proporcionarlles a experiencia e a práctica profesional necesaria para facilitar a súa posterior inserción laboral no sector forestal. A selección realizarase este xoves.