O alcalde asegurou estar cada día “máis contento e ilusionado” ante as eleccións do próximo 28 de maio, ás que se presenta avalado por datos: “temos os mellores datos de emprego da historia, somos un dos 20 concellos mellor xestionado de España segundo un informe elaborado polo ICGEA, temos uns servizos públicos renovados e impulsamos de novo a actividade comercial e turística da cidade”.
“Todos os veciños e veciñas de Santiago deberíamos sentirnos orgullosos da nosa cidade” porque “tras unha situación de parálise de oito anos, Compostela volveu a poñerse en marcha en materias como a industrialización, o comercio e a vivenda”. É o que destacou esta mañá o alcalde, Sánchez Bugallo, que nun encontro cos medios quixo deixar clara a súa intención de cara as próximas municipais é “seguir transformando Santiago” agora que Santiago, vai.
O alcalde incidiu en que o mandato estivo condicionado pola pandemia que ocupou o centro de todos os recursos e esforzos do goberno. Con todo, “tras oito anos de goberno de CA e PP nos que non se moveron contratos, non se fixo vivenda nin se crearon empresas”, o actual Goberno conseguiu superar calquera expectativa e pode presumir de cifras de récord na cidade.
Os datos ratifican que Santiago vai, sendo a urbe que máis emprego creou e a única que ten a cifra do paro por debaixo do 10%. Bugallo explicou que son as mellores cifras de toda historia e que é a cidade que máis incrementou o emprego.
Tamén puxo en valor os datos de presión fiscal coñecidos recentemente que sitúan a Santiago entre as 20 cidades mellor xestionadas e con menor presión fiscal. O Instituto Coordenadas de Gobernanza e Economía Aplicada (ICGEA) analizou a labor dos concellos españois dende as perspectivas económica, administrativa e social e recoñeceu a labor realizada polo Goberno de Bugallo.
Ademais, o rexedor expresou o seu orgullo con respecto ao impulso en materia de industrialización, destacando o crecemento do polígono da Sionlla con 87 licencias novas nestes anos. O alcalde sinalou que agora o problema está en que o terreo “queda pequeno”. Así as cousas, xa se está traballando na ampliación deste parque empresarial para engadir ao redor de 400.000 metros cadrados.
Sánchez Bugallo decidido a “seguir cambiando Santiago” nun momento no que o mundo enteiro está en constante transformación, afirmou estar “cada día máis contento e ilusionado”. O alcalde que di que o 29 de maio “coñeceremos se a sociedade se quere sumar a este proxecto de transformación”. A todo isto se refire cando fala de “Santiago Vai”, o lema de campaña.
Retos fundamentais para que a cidade siga avanzando
O alcalde Sánchez Bugallo sinalou varios retos que ten a cidade, “como coser a cidade e compactar a trama urbana” ofrecendo ademais oportunidades á xente nova en materia de emprego e vivenda, e mellorar a mobilidade. O candidato presentou os puntos principais que debe afrontar Compostela tras un mandato marcado polas medidas urxentes pola crise do coronavirus que levou a que a prioridade “sempre fosen as persoas”.
Bugallo destacou a importancia de “coser” Santiago logo do crecemento urbano que lle deu continuidade á cidade. “Necesitamos que zonas como Conxo e o Ensanche formen un tecido urbano compacto”, incidiu o alcalde.
Recuperar Emuvissa para promover a creación de vivenda
Un dos obxectivos do alcalde é recuperar Emuvissa, a empresa pública de vivenda e solo, para promover a construción de vivendas protexidas e para que sirva de soporte na rehabilitación de vivendas na cidade histórica.
“É preciso ofrecer oportunidades de vivenda reais para a xente nova, para que poida quedarse a vivir en Santiago, tamén para que as familias se queden na nosa cidade e que nos permita seguir crecendo” explicou o alcalde que marcou como prioridade a fixación de poboación no casco histórico e no Ensanche, “e para iso é preciso adaptarnos ás novas condicións de vida da xente”.
Para facer fronte ás necesidades da poboación maior de 65 anos, o alcalde sinalou que seguirán apostando pola creación de centros de día, como os da zona norte e Fontiña, e centros de atención para as persoas que viven solas. “Seguiremos facilitando parcelas para a construción de residencias de centros de terceira idade”, expuxo, destacando a creación dun novo centro de día no Ensanche, no antigo local que ocupaba a tesourería.
En materia medioambiental, Bugallo destacou que Santiago é a cidade con máis metros cadrados de zonas verdes por habitante. Porén, o seu gran reto é a mobilidade. “Non hai ningunha medida nesta materia que fose realizada por outro goberno que non fose noso”, expresou, poñendo énfase no feito de que sempre aproban este tipo de medidas en solitario. Quere seguir o camiño de medidas como a humanización do Ensanche.