Máis de trescentos veciños e veciñas tomaron parte na edición número trinta do Encontro de Maiores de Boqueixón, celebrada este sábado 6 de maio no pavillón polideportivo municipal do Forte. Unha xornada de lecer e confraternidade para as persoas maiores do municipio.
O encontro arrincou cunha misa no salón de actos do CPIP Antonio Orza Couto, que deu paso ao xantar no polideportivo do Forte. Como xa é tradición, o Concello de Boqueixón homenaxeou ás dúas persoas de maior idade desta cita. Nesta ocasión foron Purificación Rodríguez Seoane, de 91 anos, e Solitario Barcala Villa, de 89. Ambos os dous veciños de Sergude, recibiron cadansúa placa conmemorativa.
Ademais, e grazas á colaboración un ano máis de Gasolineras SBC, realizouse un sorteo de agasallos entre todas as persoas asistentes. Uns regalos que foron entregados polo alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, e polo deputado autonómico Ovidio Rodeiro Tato.