É a segunda parte desta iniciativa trala visita á localidade francesa de 10 alumnos laracheses no pasado mes de abril.
O Concello da Laracha está irmandado co municipio francés de Les Sables d’Olonne nunha iniciativa que se marcou como finalidade esencial a realización de programas conxuntos relacionados coa cultura, o deporte, o turismo e o coñecemento dos idiomas que beneficiasen á poboación de ambas localidades.
Grazas ao irmandamento nos últimos anos tamén se potenciou o establecemento de contactos entre entidades, asociacións, clubs e centros de ensino da Laracha e de Les Sables d’Olonne. E froito deles, o IES Agra de Leborís e o Collège Amiral Marveilleux du Vignaux están a levar a cabo unha actividade de intercambio na que participa alumnado e profesorado de ambos centros de ensino.
No día de hoxe o alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Ensino, Patricia Bello, recibiron aos rapaces participantes e ás profesoras que organizan a iniciativa. Nesta ocasión son dez os estudantes franceses e dúas mestras os que están a desfrutar dunha estancia dunha semana na Laracha. Esta visita, inicialmente prevista para o mes de marzo, tivera que aprazarse debido á folga de transportes nos país veciño.
No pasado mes de abril xa se realizou a primeira parte deste programa coa visita dun grupo de dez alumnos laracheses a Les Sables d’Olonne.
José Manuel López Varela mostrou a súa satisfacción polo xurdimento de iniciativas destas características xa que son “o verdadeiro espírito do irmandamento” e animoumos a todos, franceses e laracheses, a aproveitar esta oportunidade para reforzar a aprendizaxe de idiomas, coñecer outras cultural e territorios e establecer relacións de amizade entre as familias participantes.