A charla, que terá lugar ás 19.00 horas no Fórum Metropolitano, enmárcase dentro do ciclo de conferencias “A Coruña de Picasso”
A biblioteca municipal do Fórum Metropolitano retomará este mércores o ciclo de conferencias “A Coruña de Picasso” cunha charla na que Beatriz Álvarez Noia analizará a traxectoria e as influencias que tivo o pintor durante a súa estadía na Coruña.
Co ciclo de charlas a biblioteca do Fórum Metropolitano únese á programación do Ano Internacional Picasso, lembrando desta maneira a presenza de Picasso na Coruña e como a luz da cidade, a cor do océano e as experiencias vividas formaron parte no desenvolvemento da súa faceta artística e influíron na súa personalidade.
“Como mirar a Picasso, un percorrido pola obra do artista e as súas influencias” será a segunda das conferencias do ciclo, o mércores ás 19.00 horas, coa disertación de Beatriz Álvarez, xestora cultural historiadora da arte, que repasará a traxectoria artística de Picasso na cidade, incluíndo obras dos mestres que lle marcaron camiño.
As actividades programadas comezaron o pasado 3 de maio coa charla “Picasso na Coruña (1891 – 1895): a forxa do xenio”, impartida polo xornalista Rubén Ventureira, especialista na figura de Picasso e escritor de artigos e libros sobre a súa figura
O 24 de maio, ás 18.30 horas, desenvolverase o obradoiro “Xogando a ser Picasso” impartido por Antonio Otero, que propón un achegamento da figura do pintor aos nenos e nenas entre 6 e 12 anos mediante a práctica, facendo esculturas en papel, que é unha das facetas menos coñecidas do autor.
As actividades rematarán o 31 de maio, coa charla “A Coruña de Picasso en 1895” impartida polo historiador Xosé Alfeiran na que falará de como era a sociedade, a política e os aspectos máis cotiáns da Coruña á que chegou a familia de Pablo Picasso.