Saturday 16 de November de 2024

A nova glorieta intelixente da Casa do Mar xa está operativa e reduce os tempos de paso nun 45 % con respecto ao modelo anterior


O cambio de regulación aforra xa 175 horas diarias de agarda á suma dos 21.000 vehículos que transitan cada día por ese punto

O Centro Integral da Mobilidade xestiona en tempo real a rede semafórica para evitar retencións en momentos puntuais do día

A nova glorieta intelixente na confluencia entre a avenida do Exército e a rúa Ramón y Cajal xa está 100 % operativa para o tráfico de vehículos. O Concello, a través da Concellaría de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, ultima os traballos relacionados con esta obra.

A nova rotonda intelixente reduce xa os tempos de paso en dirección saída e entrada da cidade en máis dun 45 % con respecto ao sistema semafórico anterior. Antes había 30 segundos de semáforo en verde nun ciclo de 105 segundos e agora hai 70 segundos en ambas nun ciclo similar.

A nova rotonda conta cun seguimento en tempo real desde o Centro Integral da Mobilidade.
En caso de moita afluencia de vehículos na contorna, o ciclo semafórico regúlase manualmente para desconxestionar o tráfico. O resultado en cifras da nova rotonda evidencia unha maior fluidez no tráfico nese punto. A diario circulan por esta vía 21.000 vehículos, 10.000 en sentido entrada cidade e 11.000 en sentido saída. Grazas a este novo sistema, a suma dos condutores e condutoras que pasan a diario pola glorieta aforran 175 horas ou 10.500 minutos.

A glorieta está controlada parcialmente por semáforos para garantir o paso de peóns nos cruzamentos e, en caso de alta densidade de tráfico, para axustar os tempos de parada. O investimento municipal nesta nova infraestrutura foi de 542.000 euros, que inclúe tamén a creación dun carril bici que dá continuidade aos existentes na contorna. Está previsto que entre esta e a próxima semana se completen os traballos nesta vía. Creáronse tamén novas zonas verdes coa colocación de nove carballos, 11 pradairos, 12 carpelos e sebes e arbustos.

Mellorouse tamén a accesibilidade coa ampliación de beirarrúas, instalando novo mobiliario urbano.