Thursday 21 de November de 2024

O BNG alédase de que o goberno de Arteixo por fin retome as obras do parque entre as rúas Uruguay e República Dominicana


“Hai máis dun ano solicitamos que se finalizase a actuación, que levaba parada meses, e nos pasado pleno de febreiro e de abril insistimos no tema. É unha mágoa que teñamos que esperar a época de eleccións para que o PP atenda ás demandas veciñais”, afirma Xurxo Couto

A veciñanza da contorna das rúas Uruguay e República Dominicana leva máis de dous anos esperando por un parque prometido polo goberno local e, por fin, as máquinas volveron a este espazo para concluír os traballos. “Hai máis dun ano solicitamos que se rematara a actuación, que levaba parada case 12 meses ”, explica o candidato do BNG de Arteixo, Xurxo Couto.

Dada a parálise do goberno local nestas obras no lugar das Petellas, os concelleiros nacionalistas insistiron no pasado pleno de febreiro na necesidade de completar unha actuación que consistía en ampliar o mesmo con xogos infantís e incluír máis mobiliario urbano para o desfrute da veciñanza. E, de novo, a formación nacionalista preguntou na sesión plenaria de abril se o goberno local tiña pensado retomar as obras. Nesa sesión plenaria, indicaron que se estaba a traballar nos xogos infantís e na dotación de alumeado provisional.

“Desde o BNG aledámonos de que por fin a veciñanza vaia ter un parque en condicións, aínda que é unha mágoa que teñamos que esperar a época de eleccións para que o PP atenda ás demandas das e dos arteixáns”, conclúe Couto.