Friday 22 de November de 2024

“Contando Ciencia” pecha este martes cunha conferencia de María Canosa


“Máis vale maña que forza” é o título da derradeira sesión do ciclo “Contando Ciencia” que organiza a Biblioteca “O Segrel do Penedo” do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino. A protagonista desta última charla do ciclo 2022-23 será a escritora e enxeñeira de Camiños, Canais e Portos María Canosa. A cita será este martes, 9 de maio, ás 19.30 horas, no salón de actos da Casa da Cultura con entrada libre e de balde até completar o aforo.

María Canosa foi directora de Proxectos do Centro de Coñecemento da Costa da Morte. Dende o seus inicios, compaxinou o seu traballo como enxeñeira coa súa faceta de escritora así como a de guionista de distintos programas da lTVG. Dalgunhas das súas obras fixéronse adaptacións teatrais. Ademais, colaborou como articulista en La Voz de Galicia , foi contertulia de varios programas da Radio galega e Radio Voz e presentadora do programa concurso de “Coma un allo”. Como escritora, salienta sobre todo na literatura infantil e xuvenil, pero ten libros de narrativa, ensaio, divulgación, poesía. E ven acumulando premios dende o ano 1986. Os catro últimos foron: Premio Merlín 2017 por Muriel; Premio Anisia Miranda de Teatro para a Infancia 2022 por Travesía Unicornio. Mellor obra de Divulgación nos Premios Follas Novas 2022 por H2… Oh!!! e XIII Premio Rosalía de Castro de Lingua 2022. O perfil do seu twitter encaixa perfectamente con ela: é unha muller que está entre a mazá de Newton e a de Brancaneves!