Friday 22 de November de 2024

A Xunta colabora con culturmar na organización do XVI Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia


Portos de Galicia colabora neste evento, que terá lugar no porto de Sada entre o 3 o 6 de agosto, co obxectivo de promover a defensa do patrimonio marítimo material e inmaterial

A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, mantivo unha reunión de traballo coa directiva da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, Culturmar, para coordinar a organización do XVI Encontro de Embarcacións Tradicionais que se celebrará no porto de Sada entre os días 3 e 6 do vindeiro mes de agosto. O ente público colabora nunha nova edición desta cita, como xa fixo nas anteriores, co obxectivo de contribuír a promover a defensa do patrimonio marítimo material e inmaterial.

Neste sentido, a presidenta de Portos puxo en valor o traballo de Culturmar na promoción e visibilización da frota tradicional galega a través de accións como este encontro que, na última edición celebrada en 2019, tivo lugar no porto da Guarda. Neste sentido, Susana Lenguas trasladou aos organizadores o compromiso da Xunta con esta iniciativa coa que a Consellería do Mar colabora loxística e economicamente, así como con outras actuacións en defensa do patrimonio marítimo.

O encontro de Sada estará precedido polo III Convoi Tesa Escota, unha flotilla organizada para a navegación conxunta das embarcacións que se despracen ao encontro desde as Rías Baixas e que fará escala noutros portos autonómicos. Durante a celebración, contará con exposición de embarcacións e actividades de promoción da carpintería de ribeira, entre outras.