A directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita, fixo hoxe un relatorio da realidade turística galega entre os principais operadores turísticos de Osaka
Os principais operadores turísticos da prefectura xaponesa de Osaka participaron hoxe na presentación da oferta turística de Galicia levada a cabo pola directora de Promoción de Turismo de Galicia na capital deste departamento administrativo xaponés. Do mesmo xeito, o vindeiro venres 13 de novembro o Camiño de Santiago será protagonista da segunda xornada da Second World Heritage Summit, organizado polo Goberno da Prefectura de Wakayama, que terá lugar mañá e pasado mañá na cidade do mesmo nome.
Ambas presentacións forman parte do programa desenvolvido por Turismo de Galicia para promover os valores turísticos da Comunidade galega e do Camiño de Santiago en Xapón ao longo desta semana, co obxectivo de achegarse directamente ás empresas turísticas máis salientables destas dúas prefecturas e ao público especializado que participará na xuntanza sobre patrimonio organizada en Wakayama.
Segundo o programa desta viaxe, hoxe, a directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita, reuniuse cos principais operadores turísticos de Osaka para mostrarlles polo miúdo os valores da oferta turística galega, tanto no ámbito dos recursos como dos servizos.
No seu relatorio, Carmen Pita fixo un repaso polos distintos produtos turísticos que máis definen a oferta galega, facendo especial fincapé nos relacionados coa natureza, a cultura, a gastronomía e o Camiño de Santiago.
Ademais, a directora de Promoción de Turismo de Galicia explicoulles aos asistentes a conformación da oferta de servizos e as posibilidades que ofrece a Comunidade galega para a organización de viaxes turísticas. Neste sentido, atendeu todas as demandas de información relacionadas con empresas galegas dedicadas ao receptivo e aos servizos de hostalaría.
Camiño de Santiago
Por outra parte, o vindeiro venres, Turismo de Galicia, a través do relatorio que pronunciará Carmen Pita sobre o Camiño de Santiago, terá a oportunidade de promover en Wakayama os valores, tanto culturais como turísticos da Ruta Xacobea.
Deste xeito, O Camiño de Santiago ocupará a segunda xornada do II World Heritage Summit, organizado pola Prefectura de Wakayama en colaboración coa Asociación Xaponesa de Viaxes e Turismo para promover entre os operadores turísticos, estudosos e público xeral o patrimonio cultural mundial.
Neste evento, Carmen Pita disertará sobre a o Camiño de Santiago desde o punto de vista histórico, o seu recoñecemento como Primeiro Itinerario Cultural Europeo, as súas distincións como Patrimonio mundial, para centrarse despois na actual xestión, mantemento e promoción da Ruta nos distintos ámbitos.
No seu relatorio en Wakayama, a directora de Turismo de Galicia tamén se referirá ao Plan Director do Camiño de Santiago, recentemente aprobado pola Xunta de Galicia para a xestión, conservación e promoción da vía de peregrinación nos vindeiros anos.
Turismo xaponés
Canto a demanda turística xaponesa, en Galicia neste ano 2015, ata o mes de setembro, a cifra de viaxeiros aloxados subiu un 17,2% e as pernoitas incrementáronse nun 5% en relación ao mesmo período do pasado ano.
En relación ao Camiño de Santiago, no que vai de ano selaron a súa Compostela un total de 1.125 peregrinos procedentes de Xapón, 7,5% máis que no mesmo período do pasado ano 2014.