• Lago presentou unha candidatura “variada en idade e a única onde están representadas todas as parroquias para achegar a política á veciñanza” e destaca que son “traballadores natos, honrados e comprometidos con Brión”
Brión. Máis de 350 persoas encheron o salón principal do Hotel Balneario Compostela (O Tremo) no acto de presentación da candidatura do PSdeG-PSOE á Alcaldía do Concello de Brión, celebrado na noite de onte venres. Unha lista de 23 persoas (11 mulleres e 12 homes) liderada polo actual alcalde, Pablo Lago Sanmartín, baixo a lenda “Brión, ante todo”.
“Sen dúbida é a lista máis variada en idade, dos 28 ao 75 anos. Tamén a única na que están representadas todas as parroquias, algo fundamental para achegar a política á veciñanza. E, sobre todo, son persoas que traballan e que saben o que custa gañar cada euro”, resaltou Pablo Lago, quen destacou que “son autónomos, hostaleiros, gandeiros, investigadores, informáticos, amas de casa, deportistas… pais e nais de familias, traballadores natos, honrados e comprometidos. Xente con valores que só están aquí para traballar por Brión e nada máis que Brión”.
Pablo Lago lembrou aos presentes que “temos equipo, fixemos un gran traballo estes catro anos, cunha pandemia incluída, sabedes que estamos facendo moitas cousas e temos un plan deseñado para seguir mellorando Brión, un Brión do que todos esteamos orgullosos”. Por iso pediu o apoio dos presentes “porque todos vós formades parte do noso equipo. Un proxecto aberto porque estamos aquí para gobernar para todos os veciños e veciñas de Brión, sexan brancos, azuis, vermellos… Lembrade o noso lema: Brión, ante todo”.
Candidatura
A candidatura socialista dá continuidade a lista de 2019 nos seus primeiros 8 postos, con dúas incorporacións procedentes do mundo do deporte nos postos 5 e 8: José Antonio Vidal González (Luaña), presidente do Club Deportivo Brión e encargado de obra en Telecomunicaciones Noroeste, e Nerea Lago Blanco (Os Ánxeles), adestradora no Club de Patinaxe Artística de Brión e investigadora do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS).
O resto da lista está composta polos actuais concelleiros socialistas: Pablo Lago Sanmartín (Bastavales. Autónomo), Sandy Cebral Gómez (Bastavales, educadora social), Carlos Noya Pereira (Brión, autónomo), María Guarina Rey Vázquez (Os Ánxeles, auxiliar administrativa e autónoma), María Rosa Romero Fariña (San Salvador, enfermeira xubilada) e José Luís Sampedro Bouzas (Luaña, gandeiro).
Intervencións
O acto de presentación da candidatura volveu ateigar o salón principal do Hotel Balneario Compostela, onde máis dun cento de veciños e veciñas tiveron que seguir as intervención de pé ao estar ocupadas todas as butacas dispoñibles. Pablo Lago e o seu equipo estiveron arroupados por Xosé Luís García García, alcalde de Brión durante 43 anos; Antonio Leira, secretario comarcal do PSOE; a deputada autonómica Noa Díaz; e os alcaldes socialistas de Ames, Blas García; Oroso, Luís Rey; e Negreira, Ángel Leis, quen foi o encargado de presentar ao candidato brionés.
Nun divertido e aplaudido discurso, Ángel Leis tirou de retranca pois “non en van polo meu corpo corre sangue brionesa, pois parte da miña familia é de Brión. E xa me gustaría que viñeran empadroarse a Negreira, que aquí Pablo vai gañar seguro pero a min boa falta me facían”. Neste sentido, explicoulles aos presentes a importancia de ir votar o domingo 28 de maio: “eu son alcalde por dous votos, así que ninguén se confíe porque cada apoio é importante”. Sobre a candidatura, xa lle advertiu que “para a próxima róuboche unha integrante”, con familia en Negreira, e puxo en valor “o carácter de Pablo, a persoa máis traballadora que coñecín nunca”.
Pola súa banda, Antonio Leira puxo o traballo realizado polos socialistas en Brión, primeiro con Xosé Luís García e agora con Pablo Lago, como un exemplo a seguir por moitos municipios da contorna de Compostela. Tamén bromeou sobre o pedichóns que eran os alcaldes aló presentes e confirmou a subvención nominativa de 150.000 euros que o Concello de Brión vai ter para a ampliación do polideportivo municipal. Así, chamou a atención sobre “como é o voso alcalde: podería ter metido este proxecto xa nos orzamentos e iniciar os traballos para vendelo durante a campaña, pero preferiu cadrar as contas para a prestación de servizos sociais e agardar uns meses para facelo con cargo ao Remanente de Tesourería”.