• Repartiranse un total de 6 vales para realizar un paseo en kaiak pola ría de Laxe
• A iniciativa desenvólvese con motivo do ‘Día Internacional da Familia’, que se conmemorara o 15 de maio
Con motivo do ‘Día Internacional da Familia’ que se conmemorará o vindeiro luns, 15 de maio, desde o Concello convocamos o III certame fotográfico ‘Tempos de lecer laxeiros en familia’. O obxectivo desta iniciativa é reivindicar os diferentes tipos de familia e potenciar, ao mesmo tempo, un achegamento ao noso patrimonio e espazos de lecer deseñados para o goce das propias familias.
Deberase entregar unha imaxe ‘familiar’ nun espazo natural, cultural ou patrimonial dentro do municipio laxense. Poderán participar no concurso todas as modalidades de familia entendidas como grupo de persoas conviventes. Cada persoa, nominadamente, só poderá presentar unha única fotografía grupal que represente a súa familia, así como unha instancia de solicitude xeral.
O prazo para participar neste certame fotográfico comezou este venres, día 5, e rematará o 15 de maio ás 23:59 horas.
As obras poderán entregarse a través de tres modalidades: telemática (na sede electrónica municipal), por correo ao departamento de Cultura ou de xeito presencial no Rexistro Xeral do Concello en horario de 09:00 a 14:00 horas de luns a venres.
VOTACIÓNS E RESOLUCIÓN DO CERTAME
Toda aquela persoa que desexe votar polo imaxe que considere máis fermosa poderá facelo a través da páxina de Facebook municipal (reaccionando cun ‘gústame’ ou ‘encántame’ na obra elixida) ou do servizo de mensaxería NovasLaxe (especificando nunha mensaxe o texto “VOTO Á FAMILIA (NOME CO QUE CONCURSA)”.
Serán contabilizados todos os votos emitidos desde o martes 16 ata o xoves 18 de maio ás 11:00 horas. Os resultados finais da votación faranse públicos o venres 19, de non haber empate.
En total repartiranse 6 vales para un paseo en kaiak pola ría de Laxe coa entidade SUP Mera.
Os premios, sempre que as familias teñan dispoñibilidade, poderanse desfrutar durante a fin de semana do 20 e 21 deste mes.
As bases do certame están dispoñibles na páxina web do Concello.