Tratase dun proxecto de promoción e formación en materia de ‘resiliencia’, no que tamén participan organismos de Italia, Grecia, Austria e Reino Unido
A dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia foi seleccionada para participar nun proxecto europeo relativo á xestión da ‘Resiliencia’ das poboacións.
A Resiliencia é un concepto avanzado en materia de protección civil, que permite a poboación previr os riscos de calquera índole cos que é preciso convivir e minimizar os danos en situacións nas que estes se desencadean. No proxecto participan organizacións doutros catro países: Italia, Grecia, Austria e Reino Unido e o seu obxecto é o deseño de ferramentas on line de formación nesta materia, así como a promoción da Resiliencia nas administracións públicas, empresas e cidadáns.
O proxecto ten unha duración de dous anos e permitirá avanzar a Comunidade Autónoma de Galicia no ámbito de protección civil e a Resiliencia. Desta maneira, na medida en que se implante este concepto como criterio de actuación, conseguirase unha comunidade con menos riscos e menor vulnerabilidade ante ás emerxencias.
Tras un breve paso pola Dirección Xeral de Emerxencias e interior, no que se entrevistaron co seu responsable, Luis Menor; o equipo de traballo deste proxecto está a manter diversas reunións na AGASP, para analizar o grao de desenvolvemento do proxecto e programar as actuacións que aínda están pendentes de execución.
Ademais, no marco da promoción de Resiliencia, cinco concellos seleccionados polo seu tamaño, diferentes tipos de riscos e localización participan nas tarefas de avaliación da Resiliencia: Caldas de Reis, Narón, Ribadavia, Santiago e Vilalba.