Saturday 16 de November de 2024

Case medio milleiro de alumnas e alumnos de nove centros educativos da Coruña asistirán na Domus ás representacións teatrais de ‘A formiga Icía’


Esta iniciativa, promovida pola Concellaría de Educación a través do plan Coruña Educa, busca trasladar aos máis pequenos a importancia de valores como a amizade, a lealdade e a tolerancia

Un total de 443 alumnas e alumnos pertencentes a nove centros educativos da Coruña asistirán a vindeira semana, na Domus, ás sete representacións previstas da obra de teatro ‘A formiga Icía’, unha iniciativa promovida pola Concellaría de Educación a través do plan Coruña Educa.

As pequenas e pequenos, en idades de 8 a 9 anos e que cursan o terceiro e cuarto ano de Educación Primaria, disfrutarán entre o luns 8 e o xoves 11 deste espectáculo infantil interpretada pola compañía ‘La fiesta escénica’. A escenografía e decorados de ‘A formiga Icía’ fan que as actrices e actores semellen bichiños dentro dun conto colorido e tridimensional. A protagonista, unha formiga que non quere traballar, aprenderá valores como a amizade ou a lealdade e tamén os límites da tolerancia ou o egoísmo e o perdón.

O elenco composto por Pablo Andrés Seguel, María Marta Morro, Alfredo Moreno, Julia Alonso e Sara Martínez, integrantes da compañía, será o encargado de achegar ás rapazas e rapaces esta actividade de carácter didáctico, que busca trasladar ás novas xeracións a importancia de valores como a amizade, a lealdade e a tolerancia.

O alumnado do CEIP Emilia Pardo Bazán e o CEIP Alborada abrirá camiño na primeira quenda de representacións, prevista este luns 8. Xa o martes, será o turno do CEIP Ramón de la Sagra, o CEIP Manuel Murguía e, novamente, o CEIP Alborada. O mércores 10, poderán gozar da obra teatral as alumnas e alumnos do CEIP María Barbeito, o CEIP Sal Lence e o CEIP San Pedro de Visma. E xa por último, o xoves 11, pecharán o calendario de asistencia o CEIP José Cornide Saavedra e o CEIP Torre de Hércules.