A Lagoa de Mera acolleu unha nova cea fría da pre-campaña de Alternativa dos Veciños. Diante de máis de 300 persoas, o partido explicou a veciñanza das parroquias de Serantes e Maianca as propostas que ten para a vindeira lexislatura, na que espera revalidar a súa maioría absoluta.
O representante na executiva do partido da Comisión Parroquial, Andrés Sánchez, expuxo ós veciños a lista electoral do partido de cara ós comicios do 28 de maio. Posteriormente, tamén interviron no acto os dous candidatos da parroquia, Marga Figueroa e Pablo Cibeira.
O presidente de Alternativa dos Veciños, Ángel García Seoane, dirixiuse aos presentes na parte final do acto. O actual alcalde de Oleiros recordou os grandes avances que tiveron estas dúas parroquias no referente aos accesos, ademais de comprometerse a loitar porque a Vía Ártabra sexa finalmente conectada coa Autopista do Atlántico. Por outra banda, asegurou que o seu partido é o único que pode manter e potenciar o enorme progreso que conseguiu o Concello de Oleiros nas últimas décadas.