O humorista gráfico tamén ofreceu un obradoiro de caricatura para a rapazada do CPI
Siro López Lorenzo (Ferrol, 1943) é toda unha institución do humor, o caricaturismo e o xornalismo galego. Unha trinidade para el indisoluble que se traduciu en miles de viñetas, caricaturas, columnas de opinión… e tamén programas de televisión e radio, como aquel mítico -e impensable na Galicia actual- “Corre Carmela que chove”. Desde o 1970 en que publicara por primeira vez na revista Chan, editada en Madrid por Raimundo García Domínguez ‘Borobó’, Siro non parou, pasando por cabeceiras como Ferrol Diario, El Ideal Gallego e, finalmente, La Voz de Galicia, onde foi o primeiro en espertar de novo a caricatura política, durmida no noso país desde os tempos da segunda República. Con oitenta anos ao lombo, Siro defínese como “humorista galego, pola gracia de Deus” e segue sen parar. Hoxe estivo en San Sadurniño para ofrecerlle un obradoiro á rapazada do CPI e para inaugurar a exposición “Ilustres das Letras”, que conta con 25 ilustracións súas de protagonistas do 17 de maio. A súa visita deu para moito.
Na presentación da mostra que permanecerá ata fin de mes na galería do Concello, Siro López asegurou ter algunha anécdota de todas e todos eses ilustres aos que el puido coñecer en persoa.
Ramón Otero Pedrayo foi un deles. Falou del con grande admiración por tratarse dun home de grande sabedoría e “duns principios irrenunciables” que nunca traizoou durante a etapa do franquismo. Siro descríbiuno como “un home moi corpulento e con cara de neno” ao que coñeceu por mediación de Ramón Piñeiro e Carlos Casares a raíz dunha exposición que fixo en Ourense, onde o propio Don Ramón aparecía nun dos debuxos. “Non lle gustou nada a caricatura que lle fixen porque lle fixen as pernas moi pequenas e tapadas por unhas flores”, relatou o humorista.
Otero Pedrayo nunca lle dixo directamente que o debuxo non era do seu agrado, aínda que si deu sinais abondos que traslucían a súa falla de entusiasmo co resultado. “Cando me dixeron que o cadro non lle gustaba, comprometinme a facerlle outra caricatura de corpo enteiro. E fíxena, pero el non chegou a vela porque morreu antes de entregarlla”.
Siro tamén se referiu a outro dos “Ilustres das Letras” que conforman a colección: Francisco Fernández del Riego, a quen se lle adica este ano o 17 de Maio. A súa figura a gran tamaño recurtada sobre cartón pluma -situada de par da de Rosalía- recibe na escalinata do Concello ás persoas que visiten a exposición. O detalle non é casualidade, posto que Fernández del Riego é o homenaxeado nas Letras Galegas cando se fan 60 anos desde que comezase esta celebración, nacida precisamente da teimosía do intelectual.
“Fernández del Riego colouse na Real Academia Galega nun momento en que a institución estaba paralizada. Foi moi importante como investigador, porque nos permitiu descubrir os autores e autoras galegas que non coñeciamos naquel momento (nos anos 60)”, destacou Siro López.
O humorista falou de Don Paco, “do que fun moi amigo”, como “un home de acción que tiña o empuxe dun rapaz”. “El dixo: ‘se as letras españolas teñen o seu día, coincidindo coa morte de Cervantes, entón nós temos que ter un día das letras galegas’. Estaba claro que a figura de referencia tiña que ser Rosalía de Castro e a publicación dos seus Cantares Gallegos, pero non se sabía que data poñer porque tampouco se sabía a data exacta da publicación do libro. Entón Francisco Fernández del Riego colleu unha dedicatoria que Rosalía lle fixera a Cecilia Böhl de Faber (Fernán Caballero) o 17 de maio de 1863. El propuxo esa data, aceptáronlla e así quedou posto o Día das Letras Galegas”, relatou Siro López para sorpresa das persoas que asistiron á apertura da exposición.
Antes de rematar a súa intervención, Siro López tamén se referiu á poeta e tradutora Xela Arias, a quen se lle dedicaron as Letras en 2021. Coñeceuna desde pequena -Siro era amigo da familia- e sentiu fondamente o seu pasamento prematuro, con tan só 41 anos de idade. O seu pai pediulle pouco despois da súa morte que lle fixera un retrato dela. Siro cumpriu, investindo tempo e moita reflexión sobre como plasmar a súa personalidade. Ademais, segundo asegurou, “nunca me vin tan condicionado emocionalmente facendo un debuxo”.
Máis de 50 anos facendo humor gráfico
A exposición “Ilustres das Letras” poderá visitarse na galería do Concello ata o próximo 31 de maio, dentro dos horarios de atención ao público das oficinas municipais (de 9:00 a 14:00h de luns a venres, agás festivos). Á apertura da mostra asistiron o alcalde, Secundino García, a concelleira de Cultura, Amparo Calvo, así como varias veciñas e veciños. Incluso se achegou a San Sadurniño algún vello coñecido dos tempos de Siro López como traballador da Oficina Técnica de Bazán, onde entrou con 14 anos e de onde marcharía en 1994 para centrarse no seu labor como humorista gráfico, xornalista, escritor e ensaísta.
Porén, a súa relación cos medios e a comunicación xa viña de moito antes.”Empecei a publicar debuxo de humor no ano 70 na revista Chan que dirixía Borobó. Despois colaborei en toda clase de xornais e revistas, ata que rematei na redacción de La Voz de Galicia onde facía unha caricatura política diaria, ademais de programas de radio e de televisión”.
Máis de medio século facendo humor gráfico, escribindo e en contacto permanente co mundo da información é tempo abondo para ter unha perspectiva sobre as mudanzas do xornalismo. Siro e o seu grande amigo Xaquín Marín redactaron en 1983 un manifesto -acompañado dunha exposición que percorreu Galicia con grande éxito- no que reivindicaban que o debuxo humorístico era unha maneira de “facer reflexionar” e unha fórmula xornalística “tan válida coma calquera artigo de opinión”. Aquela iniciativa tivo ao pouco tempo como resultado “o nacemento do Museo do Humor de Fene, do que Xaquín sería director durante varios anos, e que os xornais empezasen a interesarse polas viñetas”, rememora Siro.
Hoxe os tempos cambiaron, no medio de múltiples canles para recibir contidos (que é algo distinto da información) e un xeito de consumilos marcado pola présa e a falla de pouso reflexivo. Un contexto que tamén ten repercusións para o humor gráfico. “Agora as viñetas que teñen impacto son as que buscan a risa pola risa, como unha pura diversión. Cando eu empecei a facer caricatura política diariamente en La Voz de Galicia, no ano 1985, foi toda unha novidade, xa que era a primeira vez que se facía desde a República. Xosé Cuíña Crespo -Conselleiro de Política Territorial e Obras Públicas con Manuel Fraga- dixo en certa ocasión que mentres non saias nunha caricatura de Siro, non serás ninguén na política galega. Hoxe en día a caricatura xa non é novidade, non ten trascendencia, quizais porque os xornais xa non teñen a trascendencia que tiñan. Hoxe todo o mundo se conforma cos informativos da televisión e co que circula polas redes. Eu tiven moita sorte de vivir un bo momento do xornalismo e de deixalo cando xa se vían nubarróns no horizonte”.
Encontro coa rapazada do CPI
A apertura de “Ilustres das Letras” foi precedida pola mañá dun obradoiro na Casa da Cultura dirixido ao alumnado de Secundaria do CPI de San Sadurniño. Foi un encontro no que o debuxante tentou explicarlles “que é o humor, como é o humor galego, que é unha caricatura e como se fai unha caricatura, que foi o que máis lles interesou”.
Durante a sesión Siro comentoulles que para caricaturizar a alguén “hai que fixarse nos detalles físicos que máis destaquen, e iso non ten nada que ver con que sexa guapo ou feo”. Neste sentido, o humorista galego “pola gracia de Deus”, como el mesmo se define, trazoulles varios exemplos, algún deles ben coñecido como a súa famosísima caricatura de Manuel Fraga, cuxa característica máis definitoria eran os ollos e o feito de que no debuxo sempre levase unha gaita.
Varios dos rapaces e rapazas deixáronse debuxar por Siro en cartolinas de tamaño póster que levaron para a casa. Que as garden ben, son un tesouro.