Friday 22 de November de 2024

A Xunta lamenta o pasasmento de Arsenio Iglesias, “Un home que levou o noso fútbol ao máis alto e que conquistou o corazón de todos os galegos”


Arsenio Iglesias Pardo foi unha das primeiras persoas que recibiron, da man do expresidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a Distinción ao Mérito Deportivo de Galicia, concedidas por vez primeira en 2011

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, amosaron hoxe o seu pésame, en nome de todo o Goberno galego, polo pasamento do que fora adestrador do Real Club Deportivo de La Coruña ao que guiou a acadar un subcampionato de Liga e a Copa do Rei de 1995. A Xunta de Galicia envía, do mesmo xeito, unha mensaxe de apoio a todos os seus seres queridos e amigos, así como a toda a familia branquiazul.

Rueda destacou a importancia dos éxitos do Superdepor, que “levaron ao fútbol galego ao máis alto e a ser coñecido por todo o mundo”. Máis aló do aspecto deportivo, o presidente da Xunta destacou a “infinita calidade humana do Bruxo de Arteixo, así como a gran mensaxe de humildade e de traballo que deixa tras a súa vida e que o levaron a conquistar o corazón de todos os galegos e galegas”.

Arsenio Iglesias foi unha das primeiras persoas que recibiron, da man do expresidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a Distinción ao Mérito Deportivo de Galicia, concedidas por vez primeira en 2011.