O actor Luís Zahera no “Novembro Mes do Humor” do concello de Fene
A segunda sesión do ciclo “Novembro, Mes do Humor” trae este venres ao Museo do Humor de Fene ao coñecido actor e monologuista Luís Zahera co seu último espectáculo, “Chungo”. Nel, Zahera fai repaso en clave de humor das súas vivencias como actor e da traxectoria que o foi levando a interpretar “papeis de raro, de non moi listo e sempre de chungo”.
A función comezará no salón de actos da Casa da Cultura de Fene (Avda. de Conces, 20-22) o venres 13 de novembro ás 20 horas. As entradas serán de balde aínda que, para asistir ao espectáculo, será preciso recoller as invitacións (2 por persoa) o mesmo día da actuación na conserxería da Casa da Cultura de Fene a partir das 16 horas. Por capacidade do salón de actos da Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene, o aforo está limitado a 120 persoas.
Luís Zahera saltou á fama en Galicia polo seu papel de “Petróleo” na exitosa serie da TVG “Mareas vivas”. Á marxe disto, participou en moitas outras series e películas, ademais de numerosas obras de teatro e curtametraxes.
Aínda que a súa carreira se desenvolveu principalmente en Galicia, nos últimos anos deu o salto á ficción en series de ámbito estatal, con pequeñas colaboracións en series como “Hospital Central” ou “El comisario”. Máis recentemente participou en “Motivos personales” e conseguiu un papel fixo en “A tortas con la vida”, serie dos creadores de “Aquí no hay quien viva” que non puido repetir o éxito desta. Posteriormente participou con papeis secundarios en “La familia Mata” e a exitosa “Sin tetas no hay paraíso”.
En cine salientan traballos coma “O lapis do carpinteiro”, “O ano da carracha” ou “Alatriste”, “Celda 211”, “Lobos de Arga” ou “Invasor”, entre outras moitas.
Trala función deste venres, o ciclo “Novembro Mes do Humor continuará o vindeiro venres 20 de novembro coas actrices Camila Bossa e Yolanda Muíños e súa obra “Malos hábitos”. Trátase dunha comedia escrita e dirixida polo dramaturgo naronés José Luís Prieto, un espectáculo teatral cheo de humor e catalogado como “micromisa”.