Manuel Facal será recoñecido o próximo 17 de maio, Día das Letras Galegas, cun dos premios “Bos e xenerosos” que concede anualmente a Fundación Eduardo Pondal de Ponteceso.
A Fundación, que preside o propio artista, contará co escritor e editor Miguel Anxo Fernán Vello e o poeta e crítico de arte Xavier Seoane no seu comité asesor.
O Padroado mantén conversas co Concello de Carballo para a cesión de 136 obras do artista e do edificio que podería albergar a sede do organismo.
A Fundación, que presenta a súa imaxe corporativa, prepara a creación da Amigos do Centro de Arte Contemporánea Manuel Facal, que reunirá a persoas físicas e xurídicas que desexen colaborar no desenvolvemento e a consolidación da actividade do museo.
Manuel Facal será galardoado o 17 de maio, Día das Letras Galegas, cun dos premios “Bos e xenerosos” que concede a Fundación Eduardo Pondal de Ponteceso en recoñecemento ao seu labor no coidado do patrimonio e da lingua galega ao longo dos anos. Unha distinción que lle chega ao artista a piques de cumprirse o seu 80 aniversario e coincidindo coa creación da Fundación que leva o seu nome.
A Fundación Manuel Facal, constituída por escritura pública en agosto de 2022 baixo a presidencia do propio artista e a vicepresidencia do alcalde de Carballo, Evencio Ferrero Rodríguez, e con Jorge Mareque Facal como secretario, aprobou a ampliación do seu Padroado, que quedou constituído por Eva Facal Lazo, Xela Rodríguez Facal, Alejandra Mareque Facal e Xaime Díaz Alonso. Ademais contará no seu comité asesor con dúas relevantes figuras da cultura galega: o escritor e editor Miguel Anxo Fernán Vello e o poeta e crítico de arte Xavier Seoane.
Os trámites administrativos realizados con esa finalidade foron a aprobación dos estatutos, a inscrición no Protectorado de fundacións galegas o 23 de novembro de 2022, e as publicacións no DOG nº 230 do 2/12/2022, polo que a Fundación foi cualificada como ben de interese cultural, e no DOG nº240 do 20/12/2022, polo que se declara ben de interese cultural e ordénase a súa inscrición no Rexistro de Fundacións, adquirindo personalidade xurídica plena para operar.
A Fundación Manuel Facal Centro de Arte Contemporánea nace co obxectivo de fomentar o estudo, conservación e difusión da obra do artista Manuel Facal no contexto e universalidade que caracteriza a súa achega ao patrimonio cultural galego, ademais da promoción e difusión da arte contemporáneo en xeral. Para iso será fundamental a colaboración con outras institucións para a organización de exposicións permanentes, temporais e itinerantes, congresos, simposios, cursos, seminarios e conferencias, así como calquera outra actividade relacionada cos fins e obxectivos antes mencionados.
O Padroado da Fundación e o Concello de Carballo agardan seguir avanzando nas conversas para que este proxecto sexa viable e sostible no tempo e se poida poñer en marcha canto antes a actividade da Fundación, que ha de ser un activo cultural de importancia tanto para o pobo de Carballo como para Galicia. Dende o Padroado sinalan que que “á marxe de que desde a Fundación se traballe activamente para a procura da colaboración e o financiamento privado, é fundamental o compromiso e o respaldo público institucional para poder levar adiante un proxecto cultural desta envergadura”. Neste sentido, a proposta da Fundación consiste na firma dun convenio que incluría a doazón ao Concello de Carballo de 136 obras do artista, a cesión do edificio familiar situado na Rúa do Sol, nº 38, para a súa rehabilitación como sede da Fundación e Centro de Arte Contemporánea Manuel Facal, e a asignación dun orzamento anual.