O Concello da Coruña quere amosar o seu máis fondo pesar polo falecemento de don Arsenio Iglesias Pardo (Arteixo, 24 de decembro de 1930), Fillo Adoptivo da cidade e lenda do Deportivo. Arsenio foi unha das figuras máis destacadas do Real Club Deportivo durante os seus 116 anos de historia, sendo o adestrador que máis partidos oficiais dirixiu do primeiro equipo, con 568.
Como xogador, disputou un total de 146 partidos e anotou 34 goles. Para o recordo sempre quedarán a heroica salvación do descenso a Segunda B na temporada 1987-1988, o ascenso ante o Real Murcia no 1991, o subcampionato de Liga na 1993-1994 e a Copa do Rei de 1995. A todos os logros deportivos de Arsenio Iglesias hai que sumar a súa inesquecible faceta humana, coa súa singular forma de entender o deporte e a vida, tan apreciada polos coruñeses e coruñesas. Foi un exemplo tanto no deportivo como no persoal para moitas xeracións de coruñeses e coruñesas.
Arsenio, que unha vez retirado foi director das Escolas Deportivas Municipais de Fútbol Base, foi nomeado polo Concello da Coruña Fillo Adoptivo en marzo de 2020 polos seus méritos persoais, deportivos e polo labor desenvolto promovendo a cidade, así como polo seu recoñecemento social. Ademais, a Cidade Deportiva da Torre leva desde entón o seu nome.
As bandeiras do Pazo Municipal de María Pita ondean desde hoxe a media asta en lembranza de Arsenio Iglesias. A Torre de Hércules e a fonte de Catro Camiños iluminaranse nas próximas noites de branco e azul.