Thursday 21 de November de 2024

O Concello abrirá o vindeiro luns o prazo de inscrición nun curso de Operador/a de carretillas e plataformas elevadoras-PEMP con certificación UNE


A concellería de Formación, dirixida pola concelleira Natalia Hermida, convocou un curso de Operador/a de carretillas e plataformas elevadoras-PEMP con certificación UNE. A convocatoria forma parte do Programa Municipal de Formación do Concello e diríxese a persoas maiores de 18 anos, desempregadas e empadroadas no Concello de Narón. Poderán inscribirse tamén persoas empadroadas noutros concellos, que accederán á acción formativa no caso de non cubrirse todas as prazas coas de Narón. En total convócanse tres edicións, con dez prazas cada unha delas, que se impartirán entre os meses de maio e xullo deste ano.

Operador/a carretilla elevadora UNE 58451 (20 horas); operador/a plataformas elevadoras móbiles de persoal (PEMP) UNE 58923, Prevención de Riscos Laborais sector naval e Medio ambiente sector naval, módulos transversais de orientación laboral, busca de emprego e igualdade de xénero, dúas charlas e dúas visitas forman a programación desta convocatoria.

Hermida avanzou que o curso consta dun total de 61 horas, o lugar de celebración será o Centro municipal de formación “Irmás Froilaz”, na Gándara, e as datas previstas son: do 22 de maio ao 7 de xuño para a primeira edición; do 8 ao 26 de xuño para a segunda e do 27 de xuño ao 13 de xullo a terceira. O horario das sesións, 35 horas de certificación e 26 de módulos adicionais, será de 9.00 a 14.00.

A edil naronesa informou que o prazo de inscrición abrirá o vindeiro luns, día 8, ás 8.30 horas, e rematará o 12 de maio ás 13.30 horas. As solicitudes poderán presentarse no Rexistro Xeral do Concello, a través da Sede Electrónica de Narón ou polos restantes medios contemplados no artigo 16.4 da Lei 39/2015 do 1 de outubro do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

O alumnado seleccionado será informado telefónicamente da súa admisión, para a confirmación da praza, podendo elixir a data da edición no caso de haber dispoñibilidade.

Para recibir máis información pódese consultar a páxina web do Concello –apartado de Formación-, a Sede Electrónica, ou contactar co Servizo Sociocomunitario Municipal no teléfono 981 337 700 (extensións 1108 e 1109).