Friday 22 de November de 2024

O CIM da Mancomunidade de Ordes convoca o I concurso ‘Comparte, fai que a vexan’


Preténdese mostrar a influencia das redes sociais na violencia de xénero. A mellor imaxe de Facebook e o mellor chío de Twitter conseguirán unha tableta
11 novembro 2015. Co gallo do ‘Día internacional da non violencia contra a muller’, que terá lugar o vindeiro 25 de novembro, o CIM da Mancomunidade de Ordes convoca o I Concurso ‘Comparte, fai que a vexan’. Unha idea que pretende mostrar a importancia que teñen as redes sociais como instrumento que incide, positiva ou negativamente segundo o seu uso, neste tipo de agresións para o que se empregarán Twitter e Facebook.
No caso de Twitter premiarase o mellor chío publicado ata o luns, 23 de novembro, que deberá incluír os hastag #CIMdeOrdes e #ComparteFaiqueaVexan. Poderán participar os alumnos e alumnas de ESO ou Bacharelato de calquera centro educativo da comarca, os cales poderán enviar os chíos que queiran. Os traballos deberán ser inéditos, orixinais e escritos en galego ou castelán. Entre os cinco chíos con máis “gústame” o xurado, composto por cinco persoas con experiencia en igualdade, escollerá o gañador. O premio será unha tableta Samsung Galaxy.
Por outra banda, no Facebook do CIM desenvolverase o concurso de imaxes sobre a violencia contra as mulleres, dirixido a persoas a partir de 14 anos, podendo enviarse unha por persoa. Esta deberá ir acompañada do texto “Participo no concurso ‘Comparte, fai que a vexan’. Non lle deas a “gústame” no meu perfil, dálle no do CIM. Os votos no meu perfil non contarán para o concurso”. As imaxes poden incluír textos en galego ou castelán e deberán ser orixinais, inéditas e presentadas por primeira vez nun concurso. Os interesados ou interesadas dispoñen ata o luns 23 de novembro como data límite para publicalas. Das cinco imaxes que reciban máis “gústame” o xurado elixirá á gañadora en base ao tratamento do tema, a orixinalidade, a expresión e a presentación en xeral. Igualmente o premio consistirá nunha tableta Samsung Galaxy.
O nome dos premiados darase a coñecer na páxina de Facebook do CIM da Mancomunidade (https://www.facebook.com/CIM-Mancomunidade-de-Ordes-680222548688007).

Programa paralelo
Esta iniciativa desenvólvese paralelamente ao programa ‘Comparte, fai que a vexan’, que se está a levar a cabo nas últimas semanas nos centros académicos e aulas de informática da comarca. Un proxecto de sensibilización e concienciación dirixido á poboación adolescente e ás súas familias, que demostra a importancia que ten o correcto uso das TIC e a detección precoz dos casos de violencia de xénero.
O programa consta de máis de sesenta sesións presenciais co alumnado de ESO e bacharelato e obradoiros de sensibilización coas familias. Coa información obtida elaborarase un informe final no que poder plasmar un estudo-diagnóstico sobre o uso das TIC, sexismo e violencia de xénero na comarca de Ordes. Esta iniciativa conta coa subvención da Deputación da Coruña.