Saturday 16 de November de 2024

Licitadas as obras para a construción do novo tramo de carril bici que conectará a rolda de Nelle coa contorna da Sardiñeira


A intervención levarase a cabo no treito da avenida de Arteixo entre as rúas Biscaia e Pontedeume e a rolda de Outeiro

O Concello da Coruña licitou recentemente os traballos para a construción do novo tramo de carril bici que conectará a rolda de Nelle e a contorna da Sardiñeira a través da avenida de Arteixo, unha iniciativa solicitada pola cidadanía a través dos Orzamentos Participativos.

A intervención prevista levarase a cabo, concretamente, desde a intersección entre as rúas Biscaia e Pontedeume ata o cruzamento da avenida de Arteixo coa rolda de Outeiro. Neste enclave, e co obxectivo de dar continuidade ao percorrido de carril bici xa existente no treito superior da avenida de Arteixo, executarase un carril bici unidireccional por ambas as marxes. Será de 2,2 metros de ancho —1,5 metros de carril e 0,7 metros de abeiro fronte á zona de estacionamento de vehículos—, ata a intersección coa rolda de Outeiro.

Neste sentido, acometerase tamén a remodelación dos pasos peonís existentesprecisamente nesta intersección entre a avenida de Arteixo e a rolda de Outeiro. Están proxectados pasos ciclistas adxacentes aos catro pasos semaforizados da intersección: en tres deles o carril bici disporase no anel interior, desprazando o paso peonil lixeiramente cara ao exterior. Neste punto, o carril bici verá incrementada a súa anchura, pasando de 2,2 a 3 metros.

Xa na saída da intersección en dirección á Sardiñeira, este novo tramo do carril bici retomará a sección tipo de 1,5 metros de anchura por cada unha das marxes da avenida, nun treito de aproximadamente 15 metros para entroncar, a continuación, cos carrís de circulación para o tráfico motorizado.

Os traballos completaranse con diversas intervencións orientadas a mellorar a  accesibilidade nas beirarrúas e os pasos peonís da contorna.

O prazo estimado para a execución das obras, unha vez que se adxudiquen e sexan postas en marcha, será de tres meses. O investimento previsto polo Concello é de 137.897,98 euros.