A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Deportes, José Oreona, presentaron esta mañá xunto con Daniel Valero Tuinenburg, director de eventos da Real Federación Española de Tenis de Mesa e Fernando Montero, presidente do club Tenis de Mesa Narón, o “Top Estatal Xóvenes” que se celebrará esta fin de semana na cidade. A alcaldesa destacou a importancia deste evento, no que participarán 64 xogadoras e xogadores, os oito mellores de España en cada categoría.
A cita será no pavillón municipal da Gándara, con acceso libre, dende as 9.40 horas do sábado ata as 18.40 horas aproximadamente, e o domingo en horario de mañá, dende as 9.00 e coa entrega de premios ás 13.30 horas. Deportistas procedentes, ademais do Tenis de Mesa Narón, de clubs de Irún, Barcelona, Burgos, Alicante, Cantabria, Mallorca, Jaen… participatán neste “Top Estatal”, que se disputará nas categorías Benxamín, Alevín, Infantil e Xuvenil. “É unha competición de nivel alto na que xogarán 32 nenas e 32 nenos, todos contra todos, a modo dunha liguilla de oito contra oito”, explicou Montero.
O director de eventos da RFETM destacou a “boa acollida e predisposición do Concello de Narón para albergar este evento” e tamén as “boas condicións da instalación na que se vai disputar”. Así mesmo, Valero asegurou que “sempre é un pracer vir a sitios como Narón, nos que te tratan tan ben como nos están tratando a nós”.
A alcaldesa agradeceu a disposición da Real Federación Española de Tenis de Mesa para celebrar este evento na cidade e tamén a implicación do Club Tenis de Mesa Narón. En canto á celebración do mesmo, Ferreiro e Oreona animaron ás vecinas e veciños a acudir á convocatoria, que supón, indicaron, “unha gran oportunidade de ver aos mellores xogadores estatais nesas categorías”.