Friday 22 de November de 2024

Quevedo súmase aos concertos deste 2023 no Coliseum cunha actuación o venres 27 de outubro


As entradas estarán dispoñibles a partir do martes 9 de maio ás 12.00 horas en Ataquilla, Ticketmaster e o despacho de billetes da praza de Ourense

Quevedo actuará no Coliseum da Coruña o vindeiro venres 27 de outubro do 2023. As entradas para a súa actuación sairán á venda o martes 9 de maio ás 12.00 horas. Estarán dispoñibles en Ataquilla, Ticketmaster e o despacho de billetes da praza de Ourense. O seu prezo será de 35 euros en pista e tendido baixo e 32 euros en tendido medio e alto.

Quevedo fará parada na Coruña dentro da súa xira ‘DQE Tour’, na que presentará o seu primeiro traballo de longa duración ‘Donde quiero estar’. Con apenas dous anos de carreira, posicionouse como un dos artistas españois referentes a nivel mundial. O seu traballo está influenciado pola cultura musical de Gran Canaria, os ritmos latinos e o hip-hop.

Quevedo conta entre os seus éxitos con algunhas das cancións máis escoitadas do último ano. É o caso da súa colaboración co produtor arxentino Bizarrap ou de ‘La playa del Inglés’, na que canta xunto a Myke Towers.

A Coruña será unha das paradas da súa primeira gran xira. O Coliseum suma un novo concerto na axenda de eventos deste 2023, na que xa hai confirmadas importantes actuacións como os concertos de Joaquín Sabina, Tini, Morat, Ludovico Einaudi, David Bisbal ou Natos y Waor.