Friday 22 de November de 2024

O Concello retoma o programa de actividades de lecer para persoas con diversidade funcional


O Concello de Oleiros vai retomar o programa de ocio saudable dirixido a persoas con diversidade funcional. As actividades consistirán na realización de obradoiros, participación en roteiros, visitas, sesións deportivas, cine, teatro, verbenas … e desenvolveranse as fins de semana, desde xuño ata decembro.

Aquelas persoas interesadas en participar, poderán preinscribirse desde o mércores 10 de maio ás 9:00 horas e ata o día 8 de abril ás 14:00 h na Sede Electrónica ou na Casa do Concello. Unha vez realizadas as solicitudes, as persoas preinscritas serán citadas para unha entrevista personalizada para adaptar o programa ás necesidades e aos intereses dos veciños e veciñas de Oleiros.

O lecer é un dereito de todas as persoas, unha experiencia integral que contribúe á calidade de vida e que se debe ofrecer a todas as persoas sen discriminación. Tamén é unha área fundamental na calidade de vida tanto a nivel comunitario como persoal, xa que está ligado á satisfacción e ás emocións. A esencia do ocio é a liberdade: liberdade de escoller entre unha variedade de opcións e experiencias.

Para obter máis información sobre este programa, é posible dirixirse ao departamento de Servizos Sociais e Igualdade presencialmente ou chamar ao 981 610 000.