— As praias de Caranza, en Ferrol, e O Adro, en Vigo, entran na listaxe por primeira vez
— Tamén haberá 12 portos galegos con bandeira azul este verán, 1 máis que en 2022
— A Asociación de educación ambiental e do consumidor concede 14 distintivos a outros tantos centros de visitantes e aulas da natureza de toda a Comunidade
— Sanxenxo repite de novo como o municipio español con máis praias galardoadas, concretamente 17, ademais de contar con 3 portos distinguidos e 1 centro azul
— Galicia consolida a súa posición a nivel nacional ao recibir un total de 174 distintivos en recoñecemento á calidade dos seus areais, portos deportivos, centros e sendeiros
Santiago de Compostela, 4 de maio de 2023.- Galicia contará este ano cun total de 113 praias pertencentes a 34 municipios galardoadas coa bandeira azul, un distintivo de carácter internacional co que a Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac) recoñece anualmente a areais de todo o mundo seleccionados en base a unha serie de criterios de sustentabilidade, accesibilidade e servizos.
Desde xeito, Galicia concentra case unha de cada cinco bandeiras concedidas en todo o país e consolida a súa posición entre as tres comunidades autónomas que reciben cada ano un maior número de distintivos para as súas praias, só superada por Valencia (que ten 135) e Andalucía (127).
Dos 113 areais galegos galardoados nesta edición —que se estenden ao longo de 53,2 km de costa e supoñen 1 máis que en 2022—, cómpre subliñar que 2 lucirán a bandeira azul por primeira vez: Caranza, no municipio de Ferrol, e O Adro, en Vigo. Ademais, a praia de Rodeira, en Cangas, recupera a insignia que non recibira o ano pasado.
A maiores das praias recoñecidas en 2023, en 12 portos deportivos galegos tamén ondeará este verán unha bandeira azul. Será 1 máis que na pasada edición, grazas á incorporación de Pedras Negras, no municipio do Grove.
De igual xeito e aínda que neste caso non lucirán bandeira como tal, Adeac volveu recoñecer un ano máis o labor dos chamados centros azuis. En concreto, 86 aulas da natureza, centros de visitantes e instalacións dedicadas á educación ambiental de todo o país terán esta consideración e deles 14 están en Galicia. Neste caso, á listaxe galega de centros azuis se suma por primeira vez a Casa Museo de Colón, en Poio.
Cómpre subliñar que os criterios esixidos por Adeac para a concesión da bandeira azul, no caso de praias e portos, están relacionados coa calidade das augas —que ten que ser excelente—; a seguridade e a accesibilidade; a dotación de servizos; así como a xestión ambiental e a sustentabilidade. Pola súa parte, os centros azuis deben fomentar a educación ambiental no litoral, o coñecemento da contorna e as alternativas de ocio.
Por provincias, Pontevedra concentra o maior número de bandeiras azuis de Galicia, concretamente 58 que recaen noutras tantas praias e 6 en instalacións portuarias. No caso da Coruña, os galardoados foron 37 areais e 5 portos e, no de Lugo, recoñeceuse con este distintivo a 18 praias e 1 porto deportivo.
Ademais, Sanxenxo volve repetir como o municipio español con máis areais galardoados, un total de 17, os mesmos que logrou o ano pasado. O concello pontevedrés suma tamén outras 3 distincións para os seus portos deportivos e terá de novo 1 centro azul.
Así mesmo, no caso da provincia da Coruña, Arteixo volve ser o que concentra este ano un maior número de bandeiras, cun total de 8 praias seleccionadas; seguido da Coruña —5 areais e 1 porto—, Oleiros —con 5 areais distinguidos ademais de contar con 2 centros azuis— e Ferrol —con 5 praias recoñecidas tamén ao sumar a de Caranza—.
Por último, Foz é o concello lucense con máis areais galardoados, un total de 5; seguido de Burela, con 3 praias e 2 centros azuis; Barreiros, con 3 areais; e Ribadeo, que suma 2 praias con bandeira azul e o único porto distinguido nesta provincia.
A Comunidade con máis sendeiros azuis
Por último e con relación aos chamados sendeiros azuis, cómpre precisar que por segundo ano consecutivo Adeac convocou estes distintivos no marco dun programa independente ao de bandeira azul.
De feito, o acto de entrega de premios aos 104 roteiros galardoados en 2023 en todo o país celebrouse o pasado 24 de febreiro en Santiago de Compostela, un recoñecemento a Galicia, que sigue sendo a comunidade española con máis sendeiros azuis —35 este ano, 6 máis que na edición anterior— .
En total e sumando praias, portos, centros de visitantes e sendeiros distinguidos por Adeac, Galicia atesoura 174 distintivos, 8 máis que en 2022, uns datos que confirman e consolidan a súa posición entre as comunidades españolas que concentran cada ano un maior número de recoñecementos deste tipo.
A continuación detállanse os galardóns concedidos en 2023 en Galicia, diferenciando entre praias, portos e centros azuis e resaltando cun * os que o reciben por primeira vez.
| PRAIAS CON BANDEIRA AZUL 2023 | ||
| PROVINCIA DA CORUÑA
14 concellos / 37 areais |
||
| A Coruña | As Lapas | |
| Orzán-Matadero | ||
| Oza | ||
| Riazor | ||
| San Amaro | ||
| A Laracha | Caión | |
| Arteixo | A Hucha | |
| A Salsa (Repibelo) | ||
| Barrañán | ||
| Combouzas | ||
| O Reiro | ||
| Sabón | ||
| Valcobo | ||
| Porto de Suevos | ||
| As Pontes | Lago das Pontes | |
| Bergondo | Gandarío | |
| Camariñas | Arou | |
| Carballo | Pedra do Sal | |
| Razo | ||
| Saíñas | ||
| Dumbría | O Ézaro | |
| Ferrol | A Fragata-O Pareixal | |
| Caranza * | ||
| Doniños | ||
| Esmelle | ||
| San Xurxo | ||
| Laxe | Laxe | |
| Miño | Perbes-Andahío | |
| Oleiros | Bastiagueiro | |
| Espiñeiro | ||
| Mera | ||
| Naval | ||
| Santa Cristina | ||
| Ponteceso | A Ermida | |
| Balarés | ||
| O Osmo | ||
| Ribeira | Coroso | |
| PROVINCIA DE LUGO
8 concellos / 18 areais |
||
| Barreiros | Fontela Valea | |
| Coto | ||
| A Pasada | ||
| Burela | A Marosa | |
| O Portelo | ||
| Ril | ||
| Cervo | O Torno | |
| Foz | A Rapadoira | |
| Areoura | ||
| As Polas | ||
| Llas | ||
| Peizás | ||
| O Vicedo | Abrela | |
| Xilloi | ||
| Ribadeo | As Catedrais | |
| Os Castros-Illas | ||
| Viveiro | Area | |
| Xove | Esteiro | |
| PROVINCIA DE PONTEVEDRA
12 concellos / 58 areais |
||
| A Guarda | Area Grande | |
| O Muíño | ||
| Illa de Arousa | Area da Secada | |
| Bao (Camaxe) | ||
| Baiona | Barbeira | |
| Concheira | ||
| Frades | ||
| Ribeira | ||
| Santa Marta | ||
| Bueu | Area de Bon | |
| Banda do Río | ||
| Lagos | ||
| Lapamán | ||
| Portomaior | ||
| Cangas | Areabrava | |
| Areamilla | ||
| Liméns | ||
| Menduíña | ||
| Nerga | ||
| Rodeira | ||
| Marín | Aguete | |
| Mogor | ||
| Portocelo | ||
| Santo do Mar-A Coviña (2 praias) | ||
| Moaña | O Con | |
| Poio | Cabeceira | |
| Ponte Caldelas | A Calzada (praia fluvial) | |
| Sanxenxo | A Lapa | |
| Agra | ||
| Areas | ||
| Areas Gordas | ||
| Baltar | ||
| Bascuas | ||
| Canelas | ||
| Caneliñas | ||
| O Espiñeiro-A Lanzada | ||
| Foxos | ||
| Major | ||
| Montalvo | ||
| Nosa Señora da Lanzada | ||
| Panadeira | ||
| Paxariñas | ||
| Pragueira | ||
| Silgar | ||
| Vigo | A Punta | |
| Argazada | ||
| Canido | ||
| Carril | ||
| Fontaíña | ||
| Fortiñón | ||
| O Adro * | ||
| O Vao | ||
| Rodas (Illas Cíes) | ||
| Samil | ||
| Santa Baia | ||
| Tombo do Gato | ||
| Vilagarcía de Arousa | Campanario | |
| Compostela | ||
| PORTOS CON BANDEIRA AZUL 2023 | ||
| A Coruña | A Coruña | Real Club Náutico A Coruña-Marina Real |
| Boiro | Club Náutico Boiro-Marina Cabo de Cruz | |
| Sada | Club Náutico Sada | |
| Porto Deportivo Sadamar | ||
| Porto do Son | Real Club Náutico de Portosín | |
| Lugo | Ribadeo | Porto Deportivo de Ribadeo |
| Pontevedra | Baiona | Monte Real Club de Iates de Baiona |
| Cangas | Porto Deportivo Cangas (Real Club Náutico Rodeira) | |
| O Grove | Porto Deportivo Pedras Negras * | |
| Sanxenxo | Real Club Náutico Sanxenxo | |
| Club Náutico Portonovo | ||
| Porto Deportivo Juan Carlos I | ||
| CENTROS AZUIS 2023 | ||
| A Coruña | Oleiros | Centro de visitantes do Monumento Natural Costa de Dexo-Serantes |
| CEIDA-Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia | ||
| A Laracha | Centro de interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte Golmar | |
| Camariñas | Centro de visitantes do Faro de Cabo Vilán | |
| Museo Man de Camelle | ||
| Lugo | Burela | Centro de Educación Medioambiental Gaia |
| Barco Museo Reina del Carmen | ||
| Cervo | Carpintería de Ribeira Francisco Fra | |
| Pontevedra | Bueu | Aula de Natureza Cabo Udra |
| Centro de interpretación Agrelo | ||
| Sanxenxo | Centro de interpretación As Telleiras | |
| A Illa de Arousa | Centro de interpretación da Conserva | |
| Marín | Centro de interpretación dos petróglifos de Mogor | |
| Poio | Casa Museo de Colón * | |


