O texto abrangue a implantación dunha rede de apoio á administración dixital, co obxectivo de axudar a todas aquelas persoas que precisen de asistencia no manexo dos medios dixitais e no uso da sinatura electrónica
Ademais, o pleno deu luz verde á nova denominación para 13 rúas do barrio de Palavea, unha iniciativa da asociación veciñal Os Nosos Lares para recuperar a toponimia tradicional do núcleo
O pleno municipal, reunido este xoves en sesión ordinaria, aprobou definitivamente a Ordenanza reguladora da Administración Dixital, unha iniciativa orientada a mellorar os servizos ofrecidos á cidadanía, ás empresas e ás demais institucións públicas e privadas desde a Administración municipal.
A ordenanza, que recibiu a autorización previa da Xunta de Goberno Local a mediados de febreiro e que se aprobou, de forma inicial, na sesión plenaria ordinaria do mes de marzo, abrangue a implantación dunha rede de apoio á administración dixital, que formula un novo sistema de atención ao cidadán, con atención presencial e persoal co obxectivo de axudar a todas aquelas persoas que precisen de asistencia no manexo dos medios dixitais e no uso da sinatura electrónica, con técnicos habilitados para facer trámites en nome dos usuarios e usuarias. Tamén haberá apoio para a realización de trámites en determinadas materias, como no caso das actuacións e xestións urbanísticas.
Neste sentido, a nova Ordenanza reguladora da Administración Dixital recalca precisamente a necesidade de darlle cobertura a todas aquelas persoas que, por diversas causas, non empregan os medios dixitais para a realización dos seus trámites.
O concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior e voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, lembrou que a nova ordenanza será unha ferramenta importante para mellorar o servizo á cidadanía.
A nova Ordenanza contempla tamén a ampliación e actualización de servizos da sede electrónica, o rexistro electrónico, o taboleiro de edictos electrónico e demais sistemas e instrumentos do Concello. A este respecto, a día de hoxe xa é posible levar a cabo uns 85 trámites a través da sede electrónica do Concello, tamén unha aplicación dispoñible en sistemas Android e iOS, a App Coruña, que facilita procesos administrativos que antes requirían de atención presencial.
Aprobación inicial da normativa marco para o uso de drons pola Policía Local
Por outra banda, o Pleno aprobou, de forma inicial, o Regulamento de uso de sistemas de aeronaves tripuladas por control remoto por parte da Policía Local da Coruña. A normativa marco —adaptada á estatal— que lles permitirá ás e aos axentes do corpo o uso de drons que facilitarán o seu traballo diario xa recibiu luz verde na Xunta de Goberno Local do pasado 26 de abril. O obxectivo é que a Policía Local faga uso de dúas aeronaves non tripuladas para obter imaxes aéreas que faciliten a toma de decisións para mellorar a seguridade da cidadanía en determinados eventos, como as festas de San Xoán. Segundo
o concelleiro de Relacións Institucionais, Turismo e Seguridade Cidadá, Juan Ignacio Borrego, os drons axudarán a mellorar a seguridade pública na cidade.
Apróbase a recuperación da toponimia do núcleo de Palavea para o seu rueiro
Tamén este xoves, o pleno municipal aprobou de forma unánime a denominación de 13 novas referencias nas rúas do barrio de Palavea, unha proposta que xa recibira o visto bo da Comisión de Honras e Distincións (CHD) a comezos de marzo. O Concello executa esta iniciativa en colaboración coa asociación veciñal Os Nosos Lares, co obxectivo de devolver o patrimonio toponímico de Palavea, cumprindo así coa normativa marcada pola Lei de Patrimonio de Galicia.
O concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior e voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, destacou “a proposta de recuperación que fixo a asociación de veciños Os Nosos Lares, un paso relevante para as veciñas e veciños de Palavea e que entronca coa liña de traballo deste Goberno”.
Desta forma, o Concello recuperará os topónimos e microtopónimos tradicionais dos lugares que conforman o núcleo de Palavea —aldeas, predios, leiras e fontes, entre outros—, denominacións que persistiron no tempo a través da oralidade. Tras resolverse hoxe a súa aprobación plenaria, o Concello dá o paso definitivo para incluír no rueiro do barrio as rúas Palavea Vella, Curro de Eguas, Fontaíña, Laranxeiro, río de Palavea, monte Alfeirán, Souto, Costa Vella, Raposo, Corbatín, vivendas de Santa Cristina, o camiño da Cascoña e o campo da Pena.