A adhesión foi aprobada por aclamación na asemblea de entidades participantes na REMA
A asemblea de entidades participantes na Rede de Espazos Museísticos Atlánticos (REMA) aprobou esta mañá por aclamación a adhesión do Centro de Interpretación do Medio Mariño (CIMM) de Cabanas á Rede.
A REMA está formada por espazos cun interese común por preservar a cultura mariñeira e a súa historia, sendo os seus membros custodios dun patrimonio atractivo para diferentes grupos de interese, incluíndo – ademais do público xeral – investigadores, escolares e turistas, entre outros.
O CIMM de Cabanas, dependente da área de medio ambiente do Concello de Cabanas, súmase así a esta iniciativa de cooperación interterritorial promovida polos GALPs galegos e o Fondo Europeo Marítimo de Pesca, da que forman parte entidades como o Aquarium Finisterrae, o CEIDA, o Centro de Interpretación do Cadoval ou os Museos de Historia Natural e da Construción Naval de Ferrol, entre outros.