Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Moeche contratará un peón ou peoa forestal con cargo ao programa Aprol Rural


Moeche é un dos concellos beneficiarios do programa autonómico Aprol Rural, destinado á mellora da empregabilidade de persoas ás que, por distintas circunstancias, lles é máis difícil acceder ao mercado laboral. Neste sentido, a Administración local iniciou xa os trámites para seleccionar mediante concurso oposición un perfil de peón ou peoa forestal que terá un contrato temporal a xornada completa durante 9 meses. Tal e como establece o Aprol, a persoa contratada fará durante ese tempo labores relacionados maioritariamente coa limpeza e roza de espazos públicos, de cara ao mantemento de faixas secundarias de protección ante posibles incendios. Segundo as bases aprobadas recentemente o proceso selectivo efectuarase a partir dun listado de persoas aspirantes enviado polo Servizo Público de Emprego de Galicia. Na parte de concurso valoraranse os méritos por formación e as circunstancias socioeconómicas acreditadas. A parte de oposición consistirá nunha única proba práctica sobre o manexo de ferramentas e maquinaria relacionada coas funcións do posto.

Nas bases incídese en que para este proceso de contratación non se requirirá a presentación de instancias, senón que os candidatos e candidatas “deberán figurar na lista remitida polo SPEG” en coincidencia co perfil laboral solicitado polo Concello. É condición indispensable para entrar na preselección do Servizo Público de Emprego de Galicia ter inscrición como demandante de emprego e posuír o carné de conducir B (o do coche), ademais dos requisitos habituais de ter 16 ou máis anos sen superar a idade de xubilación forzosa, posuír capacidade funcional para facer o traballo, non ter expedientes ou condenas que impidan traballar nunha Administración pública.

Ademais tamén haberá que atoparse dentro dalgún dos colectivos preferentes que marca o Aprol Rural, como por exemplo mulleres -en especial as que acrediten a condición de vítimas da violencia de xénero-, menores de 30 anos demandantes do primeiro emprego ou sen cualificación profesional, persoas desempregadas maiores de 45 anos, parados/as de longa duración -mínimo 12 meses-, persoas con discapacidade, quen teña esgotadas prestacións ou subsidios por desemprego, ter responsabilidades familiares ou pertencer a colectivos desfavorecidos ou en risco de exclusión, especialmente perceptoras da RISGA.

A fase de concurso valorará con ata 4 puntos os méritos relacionados co posto que figuren no currículo enviado polo SPEG e, nomeadamente, os cursos impartidos por calquera Administración ou por entidades dependentes que estivesen homologados. Na fase de oposición poderanse obter ata 6 puntos mediante unha proba práctica sobre o manexo de útiles, ferramentas e outra maquinaria de uso habitual nos labores de limpeza forestal.

A persoa que resulte finalmente seleccionada accederá a un contrato temporal a xornada completa durante un período de 9 meses. Nas bases estipúlase un período de proba de 15 días para verificar o correcto cumprimento das funcións encomendadas. O proceso tamén formará unha lista de reserva -en orde de puntuacións obtidas- para o caso de que se produzan renuncias ou situacións de incapacidade.

De acordo cos prazos establecidos polo programa da Consellaría de Promoción do Emprego e Igualdade, a data límite para completar todo o procedemento e ter formalizado o contrato é o próximo día 19. O contrato que se fará ao abeiro do Aprol Rural sumarase aos outros dous de 5 e 5,5 meses financiados pola Deputación da Coruña con cargo ao PEL, cuxo proceso selectivo xa está en marcha.