Saturday 23 de November de 2024

Máis de un millón e medio de euros se destinará á reurbanización da rúa Mallou


O alcalde acordou onte tamén coa Asociación de Dano Cerebral de Compostela estudar un novo sistema que permita anticipar a tarxeta de aparcamento ás persoas que teñen que agardar pola valoración da Xunta de Galicia do seu grao de discapacidade

Pendente do reparto de remanentes que se someterá a votación plenaria da Corporación o próximo 10 de maio, a reurbanización da rúa Mallou sairá a licitación “de xeito inmediato” unha vez se formalicen as expropiacións necesarias para acometer as obras. Así o explicou o alcalde nun encontro coa veciñanza, confiando en que “os veciños, en colaboración co concello, faciliten os terreos necesarios para executar a reforma integral”. Tamén o presidente da asociación de veciños Casa Agraria, Juan Granja amosouse optimista á hora de conseguir desbloquear un proxecto estratéxico para o barrio.

“Será unha remodelación de referencia nunha vía moi significativa para o barrio” recalcou Sánchez Bugallo. Con unha inversión de 1.632.000 euros, a proposta contempla a reurbanización de toda a rúa, creación dun carril bici, ampliación de beirarrúas e renovación das canalizacións de auga e abastecemento. Non será a única actuación que se acometerá no barrio nos próximos meses, tamén agora mesmo traballa o goberno de Bugallo nun proxecto para a rehabilitación do firme e mellora da accesibilidade na rúa Camiño dos Vilares cunha inversión que ronda os 100 mil euros.

Ademais, actualmente están en licitación dúas actuacións de asfaltado na rúa Mallou de Abaixo e na rúa dos Forniños, onde tamén se renovarán as canalizacións de saneamento.

Transformar o norte de Santiago

O alcalde destacou que estas actuacións supoñen un salto na “calidade de vida para a veciñanza de Meixonfrío, impulsando unha mobilidade máis amable” a través do calmado do tráfico.

Neste sentido, Sánchez Bugallo fixo balance das actuacións realizadas no barrio e que “melloraron a conectividade de Meixonfrío co centro urbano” como a rexeneración da Avenida de Asturas na que se investiu máis de medio millón de euros. Tamén se interviu no firme da rúa do Corgo, ampliouse a rede de abastecemento en Nogueira de Mallou e renováronse as beirarrúas do polígono do Tambre.

Facilitar o acceso á tarxeta de aparcadoiro ás persoas coa valoración de discapacidade pendente

Con tempos de espera de 1 ano de media para conseguir a valoración de discapacidade da Xunta de Galicia, o goberno de Bugallo traballa nunha proposta para habilitar ás persoas con algún tipo de discapacidade unha tarxeta de aparcadoiro provisional.

Foi un dos acordos aos que chegou o alcalde nun encontro coa Asociación de Dano Cerebral de Compostela. Tamén se reforzará o control sobre o uso indevido e abusivo das tarxetas por parte de persoas alleas “que redunda en prexuízo para aquelas que realmente o precisan”.

Ademais, en materia de accesibilidade, habilitarase unha rampla na saída de emerxencia do equipamento no que actualmente se atopan.