Saturday 16 de November de 2024

Volven as Festas da Ascensión do 16 ao 21 de maio cun intenso programa de actividades que combina tradición e modernidade


As festas compostelás por excelencia arrancarán o vindeiro martes 16 de maio e estenderase ata o domingo 21, cun programa repleto de concertos e actuacións musicais para todos os gustos, obradoiros, circo, maxia… sen esquecer a vertente máis tradicional con citas como a Comparsa de Cabezudos, o Torneo da Chave ou os Cantos de Taberna. A orquesta Panorama, Ana Moura ou Ortiga e Pili Pampín son algunhas das actuacións destacadas así como o concerto dos 40 e o Composfest que traerá a artistas locais como con Carlangas ou Ruxe Ruxe. O Recinto Feiral de Amio acollerá a Festa dos Maiores o sábado 20, e a popular Feira Cabalar durante a xornada do xoves da Ascensión.

O concelleiro de Festas, Sindo Guinarte, acompañado polo técnico municipal Suso Amado, presentou esta mañá no Pazo de Raxoi o programa completo das Festas da Ascensión que incluirán este ano “máis de medio cento de actividades para todas as idades e todo tipo de público: infantil, familiar e personas maiores”. Guinarte salientou que estas Festas “están deseñadas para que todos os veciños e veciñas desfruten, de aí esa combinación, como en edicións anteriores, de tradición e propostas máis contemporáneas”.

Os festexos arrancarán o martes 16 de maio ás 21:30 horas, na praza da Quintana, co concerto Santiago 40 POP, organizado polos 40 principais da Cadena Ser, que contará coas actuacións de Marc Seguí, Zzoilo, Miriam Rodríguez, Depol – Hilario, Nerea Rodríguez e Meler – Angy e Mondra, presentado por Tony Aguilar. O programa inclúe citas musicais para todos os gustos: a cantante portuguesa Ana Moura, o mércores ás 21 h na Quintana, e a Orquestra Fani Blanco Show ás 22 h na Alameda. O xoves será a quenda do grupo de jazz latino Corriente del Golfo na praza da Quintana (21 h) e da mítica orquestra Panorama a partir das 22 h na praza do Obradoiro.

Ademais, a praza da Quintana acollerá o venres a partir das 20:30 horas o Compos Fest, que contará con recoñecidos artistas e grupos locais como Carlangas, Ruxe, Ruxe, Nastasia Zurcher e Moncho e Los Apóstoles. No mesmo emprazamento, o día 20 terá lugar o concerto Estrella Galicia, e o día 21, pechando estas festas, a Ortiga e Pili Pampín.

Ademais, desde o luns, distintas corais da cidade interpretarán as súas pezas en varios CSC da cidade e a Banda Municipal de Santiago amenizará coa súa música as rúas da cidade. Tampouco faltarán as tradicionais alboradas que ambientarán a cidade desde o xoves ata o domingo, en horario de 10 a 12 h. Ademais, en diferentes prazas da vila, cidadáns e visitantes poderán desfrutar das actuacións máis tradicionais cos ciclos “Folk na rúa” (xoves, 18 de maio) e “Escolas de Baile Tradicional” (sábado, 20 de maio), ofrecido polas agrupacións folclóricas da cidade como Cantigas e Agarimos, Ultreia ou Brincadeira, entre outras.

Varios locais de Santiago acollerán o sábado as interpretacións de varios grupos de Cantos de Taberna cunha actuación conxunta final. O mesmo día pola tarde, o CSC Maruxa e Coralia ofrece un obradoiro para todas as persoas interesadas neste tipo de cánticos populares.

Durante as Festas, tamén se desenvolverá III Certame coreográfico Compostela, o 19 de maio ás 18 h e o XIII Festival Batebatuke, ao longo das xornadas do sábado e domingo. Ademais, o programa deste ano inclúe un paseo guiado sobre “O seminario de Estudos Galegos en Santiago de Compostela” que terá lugar por partida dobre, o xoves e o venres ás 19 horas, e coincidirá coa celebración do I Encontro profesional galego de construcción de instrumentos musicais.

Feira Cabalar
O día grande das Festas, o xoves da Ascensión, terá lugar a comparsa de cabezudos cun percorrido polas rúas compostelás desde ás 10 da mañá, e a tradicional Feria Cabalar no Recinto Ferial de Amio, e que ofrecerá un amplo programa de actividades dirixido a todos os/as afeccionados/as ao mundo do cabalo galego, con andaduras, mostras cabalares e entrega de premios, ademais dun espectáculo ecuestre de doma.

Festas dos Maiores
Un ano máis volve a Festa para as Persoas Maiores, na que é xa a súa 24 edición, para que os nosos maiores poidan reunirse e desfrutar xuntos dun xantar con sobremesa amenizada polo Grupo Alaska e José Manuel “Abanico”, a un prezo adaptado a todos os petos de 7,50 euros. Esta xuntanza terá lugar o sábado 20 de maio ás 14 h no Recinto Feiral de Amio, e as entradas estarán dispoñibles a partir do día 11 de maio no despacho de billetes do Teatro Principal.

Outra das actividades tradicionais que se repetirá este ano é o torneo da Chave, que acada a súa XLVI edición e que se desenvolverá venres e sábado na Alameda compostelá.

Ademais o programa inclúe outras actividades para públicos diversos, como a representación da peza de teatro “Fractales Sonoros. Cruzando posibilidades” de Alejandro Vargas, que terá lugar no Teatro Principal o martes 16 ás 20:30, ou os espectáculos de circo “Malabarian on de Rox”, o mércores ás 17 h e de maxia “Rock & Magic” do Mago Teto, o domingo ás 19 h, ambos na praza de Mazarelos. O Centro Xuvenil Don Bosco acollerá o venres pola noite un ciclo de milongas precedido por un curso de tango no palco da Alameda ás 17 h, e a charla de Chusa Pérez de Vallejo “El tango es una historia”, o sábado 20 a partir das 16 h.

Punto Lila
O concelleiro salientou que “a maioría das actividades son de balde e acceso libre ata completar a capacidade ou aforo dos espazos”. Ademáis recordou que “como en anos anteriores, viase instalar un punto lila, na Alameda, de oito da tarde a unha a madrugada, co obxectivo de e informar, e protexer, darlle seguridade tanto ás mulleres como ás persoas do colectivo LGTBI”.

Durante os días de duración das Festas, a Alameda volverá a acoller as populares atraccións para deleite dos máis pequenos.

Toda información do programa estará dispoñible na páxina web municipal e nas redes do Concello.