A Xunta de Persoal do Concello de Narón condenou publicamente o feito de que a pasada fin de semana o sindicato CGT “utilizase un accidente totalmente fortuíto nunha atracción das festas do Alto do Castiñeiro para poñer en dúbida o excelente traballo que realizou todo o persoal que estivo nos operativos de seguridade e sanitarios”.
Dende a Xunta de Persoal manifestaron o seu total apoio ás compañeiras e compañeiros que estiveron traballando durante toda a fin de semana no marco do plan de seguridade das festas: axentes da policía nacional e local, persoal do Speis, persoal técnico sanitario, da empresa de limpeza Urbaser, de servizos externos, de Protección Civil e persoal administrativo do Concello. “Estes colectivos teñen de sobra demostrada a súa profesionalidade en todos os eventos organizados polo Concello e nos que participaron neste e noutros anos, polo que contan co noso total apoio polo seu importante e exemplar labor”, recalcaron dende a Xunta de Persoal.
Así mesmo, dende o colectivo lamentouse que “un sindicato que debe defender o traballo da clase traballadora utilizase un feito puntual para realizar unhas manifestacións na liña totalmente contraria”.