A proba volve celebrarse co lema “corre polo medio ambiente”
O prazo de inscrición finaliza o día 26 de maio a través da web emesports.es
A carreira absoluta ofrecerá este ano un novo trazado que elimina a repetición de voltas e que discorrerá en paralelo á estrada de Ortigueira no seu tramo final
San Sadurniño volverá correr polo medio ambiente o domingo 4 de xuño, dentro da oitava edición dunha das carreiras populares con máis aceptación de todas cantas se celebran na nosa zona. A proba ten as inscricións abertas desde hai escasos días a través da plataforma emesports.es, ofrecendo circuítos gratuítos de entre 60 e 900 metros nas categorías inferiores e un trazado de 4,9 quilómetros na absoluta (5€), que este ano modifica o seu percorrido para facela aínda máis espectacular. O departamento municipal de Deportes agarda que este cambio sexa un aliciente para superar a participación do ano pasado, cando se chegou ás 419 inscricións. Neste sentido, por razóns loxísticas, o límite de deportistas volve estar limitado a un máximo de 500. A carreira estará controlada polo Comité Galego de Xuíces da FGA e as saídas e chegadas concentraranse de novo no arboreto galego da Cortiña -ao pé do paseo fluvial do Xubia-, lugar de referencia para todos os eventos multitudinarios que organiza o Concello de San Sadurniño.
As categorías inferiores masculina e feminina SUB14, SUB 12 e SUB 10 correrán de balde -aínda que deberán inscribirse igualmente- por un mesmo circuíto situado xusto no centro do arboreto da Cortiña, coa única diferenza do número de voltas que deberán dar: tres, dúas e unha, respectivamente. No apartado de Peques -nenas e nenos nados de 2016 en diante- habilitarase unha recta de 60 metros no sendeiro principal, facendo varias saídas en grupos de idades similares para evitar caídas.
Na carreira grande -cuxa inscrición son 5€- hai unha novidade importante que lle atinxe ao percorrido, xa que este ano está previsto facer unha grande roda que pasará pola Bidueda, cruzará Cornide e seguirá pola beira da estrada de Ortigueira ata chegar á Casa do Concello, onde os e as deportistas encararán a recta final pasando polos xardíns municipais e o Mesón A Granxa antes de rematar de novo na Cortiña.
Son 4,9 quilómetros, practicamente a mesma distancia que en anteriores edicións, só que o trazado será máis visual para o público e tamén un chisco máis dificultoso para as corredoras e corredores, posto que entre o quilómetro 1,2 e 2 terán que salvar 50 metros de desnivel costa arriba e inmediatamente despois facer outros 800 metros de distancia costa abaixo, antes de encarar os dous últimos quilómetros da proba.
Posiblemente sexa ese último tramo, comprendido entre Cornide e a Casa do Concello, o que máis se deba ter en conta á hora de dosificar forzas. Unha vez se chega á AC-862 o descenso suavízase durante uns 400 metros que se fan correndo por unha media curva ata que se chega ao Muíño do Pepe, desde onde se ve xa unha grande recta que pode levar ao engano de pensar que se trata de terreo case chan, cando en realidade é unha costa ascendente que arranca suave xusto despois de cruzar o río e que se acentúa preto da casa consistorial.
Na carreira absoluta participarán desde deportistas que nacesen entre 2008-2009 ata os que pasen dos 55 anos, dentro das categorías SUB 16, SUB 18, Senior, Máster 35, Máster 45 e Máster 55, tanto en masculino como en feminino. A saída daráselles sobre as 11:30h calculando un tempo máximo de 50 minutos. Antes, ás 11:00h, desenvolverase a proba SUB 14 e unha vez finalice a absoluta, a iso das 12:30h, irán encadeándose as carreiras SUB 12, SUB 10 e Peques a razón de unha cada cuarto de hora, co obxectivo de comezar coa entrega de premios sobre as 13:30h.
A popular de San Sadurniño convida a correr “polo medio ambiente” na que é xa unha das citas clásicas para o deporte afeccionado da comarca. O Concello contará coa asistencia técnica da Federación Galega de Atletismo. Ademais tamén colabora a clínica local Fisio-Che-Ben cun servizo de fisioterapia.
Toda a información pode atoparse en carreirasgalegas.com e as inscricións deben formalizarse na web emesports.es. O último día é o 26 de maio (ás 23:30h) e non haberá posibilidade de anotarse o propio día da carreira.