Saturday 16 de November de 2024

Comezan os traballos de reurbanización da rúa de San Xosé, que mellorará o tránsito peonil, a accesibilidade e a seguridade viaria


As obras, que contan cun orzamento de 225.000 euros, durarán catro meses e contemplan a creación dunha plataforma única e a mellora de diferentes servizos de saneamento e da iluminación

O Concello comezou este martes os traballos de reurbanización da rúa de San Xosé, entre a rúa da Torre e a praza de Juan Manuel Iglesias Mato ‘Palau’. O obxectivo da actuación é a adaptación da vía á normativa actual de accesibilidade, a mellora do tránsito peonil e dotala dunha maior seguridade viaria.

Para acadar eses criterios de accesibilidade ampliaranse as dúas beirarrúas e instalarase unha plataforma única, renovando o firme de todo o conxunto. A rúa manterá unha continuidade estética coa súa contorna, similar á implantada na rúa da Torre na súa remodelación. Ao mesmo tempo, está previsto levar a cabo a renovación integral da rede de augas residuais e a instalación dunha nova rede de recollida de augas pluviais. Renovarase tamén o sistema de iluminación da rúa, instalando novas lámpadas de tipo led.

A actuación afectará a 563 metros cadrados de calzada e 471 metros cadrados de beirarrúa, incluíndo os 131 metros cadrados de ampliación do itinerario peonil. O prazo de execución será de catro meses, durante os cales a rúa permanecerá parcial ou totalmente pechada ao tráfico rodado. O investimento ascende a 225.215 euros.