O mes de maio comezou na Pobra do Caramiñal coa XXXVI Marcha Popular do Barbanza organizada pola Concellaría dos Deportes e a Asociación de Atletismo e Deportes do Barbanza, coa colaboración da Protección Civil. Máis dun cento de persoas participou no día 1 nesta expedición pola serra, que tivo como punto de partida o miradoiro de Valle-Inclán para, paso a paso, ir cambiando a paisaxe da montaña pola costeira, segundo indica a concelleira dos Deportes, Genoveva Hermo.
Foi un periplo de aproximadamente 19 quilómetros que permitiu desfrutar do patrimonio natural e que concluíu no municipio de Porto do Son, tralo paso pola praia das Furnas e as lagoas de Xuño e San Pedro.
Habilitouse un servizo de autobús tanto para o traslado ao lugar de saída coma para a volta á Pobra.