• O goberno local levará a Xunta de Goberno a aprobación do expediente para a constitución e adxudicación dun dereito de superficie sobre a parcela tras o ditame da Comisión Informativa.
• O canon para a adxudicación deste dereito é de 36.000 euros anuais.
O Concello de Miño levará a Xunta de Goberno a proposta para levar a cabo a licitación pública da parcela municipal para a construción e explotación dun supermercado ou centro comercial na urbanización Costa Miño, logo do ditame da Comisión Informativa de Asuntos Xerais celebrada no día de hoxe.
Deste xeito, queda validado o expediente para a constitución e adxudicación dun dereito de superficie sobre a parcela para a construción e explotación dun centro comercial ou supermercado, coa aprobación da memoria xustificativa, do prego de prescricións técnicas e de cláusulas administrativas particulares.
Por tanto, na próxima Xunta de Goberno someterase a aprobación da licitación o citado dereito de superficie da parcela, que conta con 3.511,98 metros cadrados, nos que se poderá levantar unha edificación con soto + baixo + primeira planta e para a que se contemplan 68 prazas de aparcamento.
O canon que se solicitará para a adxudicación deste dereito é de 36.000 euros anuais.